Juventud

GALIZA UNIVERSIDADE

A Plataforma pola Defensa da Universidade Pública se moviliza contra a creación da primeira Universidade privada galega

Este martes 11 de Febreiro se sucederon concentracións simultáneas en todos os Campus das tres universidades galegas contra a creación dunha nova universidade privada proposta por ABANCA. Os sindicatos maioritarios e organizacións estudantís apoiaron a convocatoria.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Jueves 13 de febrero | 16:13

Centos de persoas concentráronse nos sete campus galegos para amosar o seu rexeitamento á intención da entidade financeira Abanca de crear a primeira universidade privada en Galiza e para denunciar que “primeiro regaláronse as caixas de aforros e agora o presidente Feijóo pretende agasallarlle ao presidente do banco venezolano, Juan Carlos Escotet, os estudos superiores galegos en detrimento da igualdade de oportunidades e da equidade social. Así mesmo, mentres se lle negan recursos, titulacións e reposición de efectivos á universidade pública se quere dar carta branca a unha universidade que só poderán pagar uns poucos”.

Denúnciase que “a Xunta de Galiza, en vez de posibilitar a oferta de novas titulacións nas Universidades públicas, permítelle ofrecelas á privada, ou disfrazar con outro nome titulacións xa impartidas actualmente. Unha administración autonómica non pode deixar de protexer o sistema público de educación, permitindo unha universidade privada que carece dun mínimo índice de calidade, o que vén significar un castigo a un sistema público que si acreditala posuílo. Neste senso, o establecemento dunha universidade destas características non garante os niveis de calidade na formación e capacitación do profesorado, cuestións permanentemente revisadas no Sistema Universitario Galego”.

Entre os colectivos desta plataforma están os sindicatos maioritarios no ensino superior CIG, CCOO e UGT e organizacións estudantís como Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes. Outros grupos como Traballadores Galegos da Universidade (TGU), A Trabe Colectivo Nacionalista do PAS da USC, CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Grupo Común da Esquerda, Galiza Nova e BRIGA están en proceso de adherirse. Tamén está presente a opción da adhesión individual no blogue da plataforma.

Dende aquí mostramos o noso apoio á nova plataforma e aos seus obxectivos principais. O goberno galego da a súa aprobación a creación da primeira universidade privada galega, que só se poderán pagar os fillos dos capitalistas. Porén, grados do ámbito lingüístico ou das ciencias sociais penden dun fío baixo a ameaza constante de supresión coa excusa de “falta de alumnado” e as universidades cada vez reciben menor financiación pública e teñen que depender da financiación privada.

Neste senso consideramos que non só temos que loitar coa creación dunha nova universidade privada elitista para os fillos do ricos, se non que se debe de impulsar unha gran loita contra a privatización da universidade pública galega. As universidades, detrás dunha fachada democrática onde os estudantes non teñen nin o 30 % de representación, son gobernadas realmente polos consellos sociais. Organismos onde están presentes os altos cargos da administración universitaria pero tamén político elixidos a dedo e representantes de empresas e entidades financieiras que non elixe ninguén. Opoñémonos firmemente a inxerencias das empresas na universidade e á financiación privada en xeral, xa que condiciona as vías de investigación e contidos lectivos e perpetúa a estrutura da universidade de clases.

Pulamos por unha universidade ao servizo do pobo traballador, xestionada democraticamente con maioría estudantil no consello de goberno e por unha financiación pública adecuada para a realización de investigación para o interese común e que permita a gratuidade dos estudos universitarios e ampliación do programa de bolsas para que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida estudar. Unha universidade sen servizos externalizados e onde todos os seus membros teñan unhas condicións laborais dignas.

Ademais, consideramos que o medio para conseguir estás demandas pasa inevitablemente por continuar coa mobilización social e expandila a toda a comunidade educativa e a sociedade en xeral. Para iso pensamos que o xeito máis eficaz é a realización de asembleas onde o persoal docente, estudantes e traballadores de servizos poidan decidir unha estratexia e un plan de mobilización común. Un plan que sexa capaz de derrotar os novos plan do goberno autonómico e as empresas e revertir todos os ataques e recortes sucedidos dende a implementación do plan Bolonia e o xurdimento da crise económica.






Temas relacionados

Universidades públicas   /   Universidades privadas   /   Galicia   /   Privatizaciones   /   Movilización estudiantil   /   Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO