Mundo Obrero Estado Español

GALIZA ENTREVISTA

A TVG de Feijóo prohibe ó seu persoal vestimenta reivindicativa, incluso se non saen en pantalla

Tras 46 xornadas de Venres Negro, a dirección da CRTVG prohibe aos seus traballadores portar camisolas de @DefendeAGalega e calquera indumentaria reivindicativa independentemente do seu posto laboral.

Jueves 4 de abril | 18:32

Persoal da CRTVE protestando na 45 xornada de Venres Negro. Foto: @DefendeAGalega

En castellano

Tal e coma contábamos noutros artigos, o persoal da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) leva casi un ano xa loitando cos famosos “Venres Negros” para reivindicar unha verdadeiramente pública, de calidade e sen as manipulacións por parte da dirección e do Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

En resposta ao movemento, este luns 1 de abril a dirección da CRTVG prohibía a todo o seu persoal portar calquera indumentaria de carácter reivindicativo, un feito que se xunta coa denuncia realizada pola cantautora Sés afirmando ser vetada na cadea pública galega debido a exhibir unha camiseta de “ Defende A Galega” nun programa anterior.

Izquierda Diario preguntou á plataforma VenresNegroCRTVG a súa opinión sobre esta nova medida persecutoria e as perspectivas da súa loita. Estas foron as súas respostas:

O pasado 1 de abril o departamento de RRHH reenviábavos unha nota interna da CRTVG sobre “as condicións e circunstancias que deben presidir a actuación de todos os profesionais da TVG”, que incluía certos aspectos polémicos. Cales son estes puntos e coma foron tomados polos traballadores e traballadoras da cadea?

Foron recibidos mal. A nota fai referencia a una directriz creada pola empresa hai varios anos que xa suscitou malestar no seu día. Entendemos que a dirección queira ter control sobre a vestimenta dos compañeiros que presentan un espazo televisado, pero pretender controlar o que viste calquera xornalista, técnico, reporteiro gráfico ou compañeiro de calquera outra categoría mentres está nunha rolda de prensa ou na propia redacción é, na nosa opinión, un atentado contra a liberdade de expresión, algo que nos parece especialmente grave sendo este un medio público. A nota especifica que os traballadores “absteranse especialmente do uso relevante e inxustificado de logotipos de marcas comerciais na súa indumentaria, así como da utilización de calquera tipo de símbolos que poñan de manifesto a súa filiación ou proximidade cunha opción política, sindical, social, deportiva ou económica”.

Por outro lado, non cremos que sexa casual que o recordatorio da norma chegue neste momento. Por poñer un exemplo, todo o persoal leva anos vestindo roupa de diferentes marcas co logotipo visible (por outra parte, algo inevitable salvo que tivésemos un uniforme de empresa), camisetas co nome de grupos musicais, etc. e á dirección nunca lle molestou. O aviso faino agora cando está a piques de empezar a campaña electoral e proliferan desde hai meses as camisetas co lema Defende A Galega. Parece que non lles gusta que os políticos teñan que velas nas roldas de prensa ou que os convidados que pasan polas instalacións da radio e da tele vexan a reivindicación duns medios públicos independentes na nosa roupa.

Non é a primeira vez que a dirección da CRTVG atenta na liberdade de expresión do seu propio persoal ou convidados, coma o caso de Tati Moyano ou recentemente o da cantora Sés, que outros acontecementos concretos poden ser incluídos nesta liña de actuación?

Cónstanos que houbo advertencias a traballador@s que vestían de negro para que deixasen de facelo. E algúns dos que participan pagaron as consecuencias: agora mesmo o compañeiro da radio Carlos Jiménez ten aberto un expediente con argumentos da empresa moi rebuscados que se empregan de excusa para tentar amedrentalo. Outras compañeiras da tele tamén viron reducidas as súas funcións, como Marga Pazos ou Ana Pérez. Nunca se lles di que é por participar nas protestas, pero estamos convencidas de que iso ten moito que ver.

Despois, sen poder ofrecerche nomes concretos, sabemos de xente de fóra dos medios de comunicación que non colabora co movemento dos venres negros porque teme ser vetada pola dirección. O caso de Sés é a proba de que así é. Para un actor, por exemplo, pode ser a diferenza entre traballar nunha serie da TVG ou non poder facelo. E despois hai xornais como La Voz de Galicia, con moitos intereses audiovisuais na CRTVG, que curiosamente non mencionan as reivindicacións dos traballadores dos medios públicos.

A mobilización dos “Venres Negros” iniciárona os compañeiros e compañeiras da RTVE, pero dérona por terminada en xullo do ano pasado. Que razóns tedes o persoal da televisión galega para continuar a loita? Que obxectivos tedes?

As razón son as mesmas que nos levaron a iniciar as protestas hai case un ano, porque non hai ningún avance. Seguimos sen Consello de Informativos que axude a garantir a pluralidade e a imparcialidade; non se dá cumprimento á Lei de Medios aprobada hai anos; non se atenden as reivindicacións de maior produción propia; desapareceron as desconexións informativas locais da radio, que nos parecen fundamentais nun servizo público; as escaletas dos telexornais son escandalosas…Nin sequera se coidan as cousas que facemos ben, hai programas de moita calidade que saen adiante grazas ó voluntarismo dos compañeiros, non polo interese da dirección, que nin se molesta en coidar eses productos, cando non pon atrancos directamente.

Un dos casos máis sonados foi o da desaparición do Diario Cultural, un programa multipremiado, o segundo informativo cultural máis lonxevo da radiodifusión española con 28 anos de traxectoria, loubado por tódolos sectores culturais do país, ideado e dirixido por unha profesional á que lle deron hai uns meses o Premio Nacional de Periodismo Cultural e que este mesmo sábado ingresa na Real Academia Galega. A dirección decidiu eliminar o programa e usar a sintonía e o nome para pequenos espazos dedicados á cultura e xustifícano dicindo que lle están dando máis minutos á cultura.

Venden cantidade, porque o que interesa son os formatos que non permitan afondar nas cuestión, contextualizar ou promover o debate, non vaiamos darlle á xente ferramentas para que pense por si mesma.

Neste sentido, cales son os seguintes pasos e accións que tedes pensado dar para o futuro?

Pois vamos seguir mobilizándonos ata que algo cambie e tentando facer chegar a mensaxe á cidadanía, porque esta é unha loita que non podemos dar sen a súa colaboración. Os cidadáns son os donos dos medios públicos e teñen a responsabilidade de esixir que sexan imparciais, plurais e de calidade. Temos asimilada a importancia dunha boa sanidade pública para garantir o noso benestar físico; agora hai que concienciarse de que uns medios que cumpran co servizo público que teñen encomendado son a mellor defensa que temos ante os abusos do poder político, económico ou de calquera outra clase. Unha sociedade sen pensamento crítico está desvalida. E a situación da CRTVG só cambiará cando haxa un clamor social que obrigue a escoitar aos que mandan.






Temas relacionados

Galiza   /   #DefendeAGalega   /   CRTVG    /   Alberto Núñez Feijóo   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia

Comentarios

DEJAR COMENTARIO