Mundo Obrero Estado Español

GALIZA, SANIDADE

Arredor de 40.000 persoas nunha gran manifestación en defensa da Atención Primaria en Vigo

Asistimos á multitudinaria manifestación que se produciu no contexto da dimisión en bloque de 25 xefes de servizo (o 80%) dos centros de atención primaria de Vigo e a folga de médicos das últimas semanas. Entrevistamos a Elisa Ausín Rodriguez, médico de familia e representante da plataforma “PACs en Pé de Guerra”.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Viernes 28 de diciembre de 2018 | 07:38

A manifestación comezou no PAC do antigo hospital Xeral e discorreu por Plaza España, baixando Gran Vía ata chegar ao Farol de Urzáiz, onde se leu o discurso de peche. Participaron diversos colectivos entre os que destacan a plataforma “PACs en Pé de Guerra”, fundada hai un ano debido a precariedade laboral e a redución da calidade asistencial que se está a producir no sector no último tempo. Coreáronse cánticos como “Pola dignidade na Atención Primaria", “¡Xerente dimisión!" ou "¡Feijóo, escoita, a sanidade está en loita!", nun ambiente combativo e de loita.

Tamén estiveron presentes os principais sindicatos CIG, UGT e CCOO, así como o movemento de pensionistas MODEPEM, e partidos políticos como Esquerda Unida ou BNG, así como organizacións estudantís, como os compañeiros de Contracorrente Galiza. Representantes políticos como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o líder de la oposición galega de “En Marea”, Luís Villares ou Ana Pontón, portavoz do BNG, tamén estiveron presentes.

A asistencia foi masiva, lembrando aínda que non alcanzando as cifras das enormes mobilizacións pola Sanidade hai 3 anos, cando se inaugurou o novo Hospital de xestión público-privada Álvaro Cunqueiro. Daquela, realizáranse as heroicas loitas dos celadores ou os traballadores da limpeza, así como incluso unha folga xeral da Sanidade, que conseguiron salvar dos despidos a centos de traballadores. Mais a situación de precariedade laboral, redución de persoal e non cobertura de baixas, falta de material, e peor servizo sanitario continúa. Os traballadores e traballadoras da sanidade pública volven á carga, e o pobo traballador recolleu o guante, sendo decenas de milleiros de manifestantes nesta ocasión.

A continuación presentamos a entrevista á Elisa M. Ausín Rodríguez para ID.es, Médico de Familia e membro da Plataforma “PACs en Pé de Guerra” de Vigo.

ID: Recentemente dimitiron o 80 % dos xefes de servizo e unidade de Atención Primaria na área de Vigo. Neste sentido, cal é a situación actual da Sanidade pública e en concreto a Atención Primaria en Vigo?

Elisa: A situación da atención primaria na área de Vigo é crítica. Xa o era antes das dimisións e agora aínda é peor. Os pasados anos foron duros en canto a recortes en sanidade e incidiron sobre todo na atención primaria. Propiciouse un éxodo de profesionais cara outras áreas e incluso outros países ao non ofertar condicións laborais atractivas e agora o estamos pagando. Ao non ter suficiente capital humano o traballo sácase adiante sobrecargando aos que todavía estamos aquí.

Esta situación é similar no resto das cidades galegas?

A situación é similar no resto das áreas pero quizais se nota máis na área de Vigo polas condicións demográficas. A comunicación entre niveles, (primaria - hospital) tamén é deficiente nesta área o que favorece a sobrecarga e por último, unha xerencia con poucas ganas de escoitar e solucionar os problemas fan o resto.

Cal é a actitude do goberno galego ante os problemas da sanidade e as protestas?

A actitude do goberno galego é de inacción total. Afirman que non hai nada que solucionar e así xustificaron o seu inmobilismo ata a semana pasada que convocaron uns grupos de traballo para tentar mellorar a situación e que aínda non sabemos en que van a terminar. Por desgraza, temos o referente de grupos de traballo previos que quedaron en nada. Exceptuando esto último, a actitude è, de momento e sorprendentemente de non querer facer nada e negar calquera problema.

Que outras accións de loita se realizaron nas últimas semanas?

As accións de loita están sendo moitas e diversas. Os PACs facemos concentracións con frecuencia, o 27 realizouse unha diante do parlamento en Santiago, en novembro fixemos un encerro de 24 horas en Vigo e en Ferrol, a manifestación de hoxe 27 de Decembro en Vigo, a folga de atención primaria e a dos PACs...

Cales son as reivindicacións concretas desta manifestación do 27 de decembro?

A manifestación é de apoio aos 23 xefes de servizo que dimitiron na área de Vigo e a favor da atención primaria e da sanidade pública.

Cales son os seguintes pasos que tedes pensado dar para o futuro?

Estase a traballar paralelamente aos grupos de traballo da consellería para propoñer solucións aínda que probablemente non se vaian a ter en conta. Para nós é importante porque somos os que poñemos a cara cada día nas consultas e os que mellor coñecemos a problemática actual. Ademais, a partires do 7 de xaneiro os PACs convocan unha folga indefinida e é probable que se acompañe de máis concentracións e encerros por toda Galiza.

Moitas grazas por colaborar con Izquierdadiario.es. Moita forza e vémonos na loita!

Grazas a vós. Un saúdo.

***
Esta manifestación pode ser o comezo dun gran movemento pola defensa de Sanidade Pública en Vigo, que se expanda ao resto de Galiza e que sexa capaz de reverter a privatización do sector sanitario. Mais para iso será precisa a mobilización continuada de todos os sectores sanitarios co apoio dos pacientes, así como doutros movementos sociais, como os pensionistas, a mocidade comprometida(que ven de realizar unha consulta republicana nas últimas semanas), e outras loitas obreiras, como a de Alcoa na Coruña, a dos traballadores da CRTVG ou outras que poidan xurdir. Xa non se trata só de defender a Sanidade Pública. Se trata de defender todos os dereitos sociais e liberdades democráticas polas que loitaron os nosos pais e avós. Se trata de loitar por acadar a vida que merecemos, de que a crise non a pague o pobo traballador, se non os capitalistas.






Temas relacionados

Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   Sanidad Pública   /   Trabajadores sanidad   /   Sanidad

Comentarios

DEJAR COMENTARIO