Juventud

UNIVERSIDAD

Entrevista a estudante en loita : “Estamos estresados, estamos agobiados, non podemos estudar”

Preguntamos a unha persoa integrante da Asemblea Aberta Medicina, plataforma baixo a cal se está levando a cabo unha das máis grandes folgas da historia da universidade compostelá.

Miércoles 6 de noviembre | 19:43

Facendo unha sentada na Facultade de Medicina e vestidos de negro. Así comezou onte martes o primeiro día de folga indefinida para reclamar unha educación de calidade e reinvindicando melloras organizativas no grao, xornada que remato co peche durante toda a noite e tras unha extensa reunión co decano.

Preguntamos a unha persoa integrante da Asemblea Aberta Medicina, plataforma baixo a cal se está levando a cabo unha das máis grandes folgas da historia da universidade compostelá.

Ver esta publicación en Instagram

ATENCIÓN COMPAÑEIRAS! Como vos fomos contando, reunímonos para falar sobre as problemáticas da nosa facultade, tivemos en conta as vosas respostas nas enquisas e plantexamos posibles solucións a todo o que fomos recompilando. Hoxe vimos traervos noticias frescas, porque É OFICIAL: HABEMUS FOLGA. Convocamos folga para todos os estudantes da Facultade de Medicina, de 1º a 6º a partir da xornada do 5 de novembro e de forma indefinida ata que nos dean RESPOSTAS e SOLUCIÓNS a todas as problemáticas da facultade. O programa do 5 de novembro é o que vedes na imaxe: SENTADA ás 11:30 na escaleira principal da facultade de Medicina. Podedes traer apuntamentos, comida… todo o que precisedes. Ás 14:00 h CONCENTRACIÓN no mesmo punto da facultade, momento no que terá lugar a reunión dos nosos delegados e representantes estudantís cos representantes do reitorado. Vide acompañados de amigos, familiares e coñecidos que desexen apoiarnos nisto. Cantos máis sexamos, mellor! Está previsto que a súa duración se manteña durante o tempo que dure a reunión, e poderase prolongar durante a tarde. Lembrade estar atentas ás nosas redes sociais, pois por alí irémosvos informando de todos os pasos que vaiamos dando. UNÍDEVOS CANDO POIDADES. E, por último, realizaremos un PECHE DA FACULTADE pola noite, no que estableceremos quendas para empapelar a facultade con todas as queixas que nos fostes enviando durante estas semanas e que poderedes seguir enviando aos cuestionarios que fomos pasando polos grupos de clase. VESTIMENTA: propúxose que todas vistamos de NEGRO como símbolo de unidade. Dada a data na que coincide a folga, estades convidadas a traer máscaras de Anonymous ou máscaras brancas, de forma totalmente voluntaria, a modo de acto simbólico. Ademais lembrámosvos que ao ser unha xornada de folga NON se permitirá que se pase lista en clase. Se ademais queredes un xustificante poderémosvolo enviar por correo electrónico. Ante calqueira dúbida podedes contactarnos e, unha vez máis, GRAZAS por participar, por acompañarnos neste camiño cara a un ENSINO DIGNO E DE CALIDADE. Esperámosvos o 5 de novembro!

Una publicación compartida de Asemblea Aberta Medicina (@asembleaabertamedicina) el

Antes de nada, parabéns pola convocatoria e por todo o que fixestes nesta primeira xornada de folga indefinida, que xa podemos dicir que é un rotundo éxito na mobilización e organización.

A verdade é que nós tampouco nos esperabamos que fósemos mobilizar tanta xente. Cando partiu a idea pensabamos que iamos ser catro gatos sentados diante do decanato, pero todo o contrario, nin sequera había ocos para sentarse.

Entón, cal foi o seguimento da folga e das concentracións na facultade?

Non dispoño dos datos, pero o que me encantou foi ver que as aulas se baleirasen, nunca vira as aulas de medicina tan baleiras. Non houbo case ningunha clase, só algunhas con 1 ou 2 persoas, foi increíble.

Entón, practicamente unanimidade no seguimento da folga, non?

Si, non todos puideron asistir porque estaban en prácticas, pero viñeron incluso persoas que xa se graduaron, faláronnos asociacións de médicos para dar apoio e incluso falábase de que, nos propios quirófanos, os médicos estaban a comentar e apoiar a nosa folga.

Moitos profesores déronnos tamén o seu apoio e o seu ánimo, aínda que houbo moitos que ameazaban con pasar lista, pero la dirección xa avisou que non podían facer iso porque tiñan que respectar o dereito a folga.

Polo que estas dicindo, houbo certo seguimento e apoio por unha parte do equipo docente, que tamén estará a sufrir esta situación, supoño.

Si, claro, dende o primeiro momento sabíamos que contábamos co apoio de bastantes profesores, dándonos tamén apoio legal sobre normativa vixente, estatutos e sentencias do Tribunal Superior, o que nos permitiu chegar á folga cos deberes feitos e coa axuda dos profesores, que nos dicían que tiñamos que protestar polo que é noso.

O primeiro que nos asombra a todos é a gran cantidade de motivos que presentastes, ao redor de 30, o que denota unha moi pobre xestión da propia facultade.

A verdade é que creo que son incluso máis, porque cando fixemos o documento recolectamos as preguntas por todos os cursos, ademais de incluir outros documentos de cursos anteriores, porque moitas de estas queixas eran reiterativas. Chegamos a encher un total de 20 páxinas de todo o que a xente escribira, que reducimos a 5 porque algunhas eran repetidas e outras con exemplos persoais.

Ademais, todos os motivos están fundamentados en artigos legais que nos din que temos razón, excepto para algunhas máis superficiais como ter opcións saudables nas máquinas expendedoras ou ter asentos máis cómodos que, non son motivos tan importantes coma outros.

Sendo así, de todos estes motivos hai algún punto ou puntos que credes que teñen mais peso, sobre todo á hora de negociar?

Si, o que máis estamos debatendo é co tema da excesiva presencialidade que conleva a unha maior dificultade a cadrar os horarios axeitados. Ademais ao haber moita presencialidade hai cursos que teñen clase de mañá e de tarde (con días de ata 11 horas lectivas), e estamos estresados, estamos agobiados, non podemos estudar e temos peor formación práctica.

O obxectivo é ter unha maior calidade docente, reducir o horario expositivo e incrementar a formación práctica sendo esta de calidade.

En xeral están bastante dispostos a intentar cambiar isto, o que pasa é que é algo a cambiar a longo prazo, pero nós xa dixemos, estamos aquí por loitar non polos nosos dereitos senón polos que veñan detrás, e porque a formación dos que veñan detrás sexa maior e non se atopen ante as mesmas penurias que nos estamos atopando nós.

O outro punto clave é o rotatorio de 5º, que teñen que pasar por medicina de familia e como non hai suficiente persoal en Santiago disposto a acoller alumnos, estes acaban descentralizados a centros de Noia, Riveira, Rianxo, etc. Lugares nos que hai moi mala conectividade de transporte público ou nin sequera hai dita conectividade que che permita facer as prácticas. Ademais, algúns dos buses saen carísimos e hai algúns compañeiros que están pagando máis de 200 euros ao mes por facer as prácticas, que son unha formación obligatoria.

Aínda que algunhas persoas dependamos de beca, esta debe cubrir para pagar o aloxamento en Santiago, o material que necesitemos e incluso costear a nosa vida en Santiago. Pero se aparte de costear o piso na cidade ese mes de prácticas, porque ao caseiro non lle vai parecer ben e ao final te quedarás a durmir en algures, non podes permitirte ademais pagar ese transporte, xa que grazas a que temos un sistema de ensino público, en medicina agora pode acceder calquera. A maioría que accedemos somos persoas de vilas e aldeas humildes que vivimos a conta de becas, non nos podemos permitir ese custe.

O que se vai transmitir ao reitorado é que ou se nos paga o transporte ou búscanse alternativas, xa que non poden cargar aos alumnos cunhas prácticas obligatorias que van supoñer un custe económico tan grande.

Esta situación xeneralizada dende hai canto que a estades a sufrir os estudantes de medicina? É algo novo ou xa ven de moito atrás?

Sobre todo a partir da instauración do plan bolonia no noso grado, empezaron a acumular moitos erros porque a presencialidade que exixía era moi excesiva. Ademáis, o Plan Bolonia fíxose pensando que éramos ricos e en realidade non temos os recursos que habería que ter para instauralo, a maiores de que se fixo cunha carga presencial expositiva moi grande e seguindo a dar as clases coma dábanse no plan anterior, na licenciatura.

É imposible que, con 11 horas de clase algúns días, amplíes o temario en casa ou leves ao día cada materia, que é o que nos gustaría e tentamos facer todos. Incluso hai algunhas materias que tendo case 80 horas presencias, no plan da materia din que con 20 horas de estudo na casa é dabondo, pero non é posíbel. Queremos planes que sexan realistas e permitan formarnos adecuadamente.

Esta xornada de folga permitiu reunirvos co decano para negociar todos estes motivos, o que acabou sendo unha longa reunión de máis 10 horas. Que logros conseguistes?

Foron moitísimas horas de reunión, e o decano foise á unha da mañá, que foi cando os delegados concretaron con el a acta de toda a xornada, que firmou e comprometeuse a cumprir con diferentes prazos. Algunhas cousas son de instauración inmediata para nada máis rematar a folga, coma tomar medidas cando haxa absentismo de profesores ou actitudes vexatorias por parte deles, e outras a medio ou longo prazo como poden ser os cambios en plans de materia.

Entón podemos afirmar que tivo un certo éxito a reunión pola vosa parte, facendo que o decano se comprometera a tratar de solventar todas as vosas reclamacións… ou non é así? Xa que seguides mantendo folga indefinida.

Foi un éxito entre comillas, porque non foi un éxito como tal. O decano se comprometeu a dar vías para falar, pero hoxe volve a haber unha reunión. Temos unha comisión permanente na que, como esixe o regulamento, haberá dúas representantes de estudantes con voz y voto xunto co decanato mais todos os directores de departamento. Trataremos que nos permitan que vaian un par de representantes máis simplemente con voz para darlles apoio, xa que os estudantes serán unha minoría á hora de argumentar e poder facer presión.

Ata que os directores do departamento non confirmen as nosas propostas, pese ao compromiso do decano, nós non vamos ter nada en claro. Unha das principais cousas que reclamamos é a disminución das horas expositivas, pero iso non son competencia do decanato, el só pode tratar de presionar aos distintos departamentos para que cedan. Entón, se os xefes de departamento deciden que non van a tomar medidas, seguiremos sen solucións reais.

Por iso hoxe chamamos de novo a todas as nosas compañeiras vir esta mañá á facultade a facer unha cacerolada e esperamos unha xornada como a de onte, que foi unha xornada moi bonita, de moita tranquilidade e respeto, e moito apoio entre todas e con moita unidade. Hoxe volvemos estar alí e volvemos a ter que loitar polos nosos dereitos, e hoxe é cando se sacará algo en claro.

A folga sigue convocada e dependendo da resposta que recibamos hoxe teremos que valorar que se fai. Temos unha asemblea á noite onde os estudantes volveremos a debater os resultados obtidos e a posición que manteremos durante a noite e mañá. Porque seguiremos coa folga e co peche ata que teñamos solucións reais e compromisos por tódalas partes implicadas, non só polo decanato.






Temas relacionados

Galicia   /   Privatizaciones   /   Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO