Política Estado Español

REFERÉNDUM MONARQUIA

Que a mocidade sexa a punta de lanza para rematar co réxime monárquico e poder decidilo todo!

A crítica á monarquía esténdese como regueiro de pólvora por todo o Estado español. A mocidade, a quen se nos impuxo dende nacemento un réxime herdeiro da ditadura, temos o desafío de poñernos no centro dun gran movemento contra a coroa.

Martes 20 de noviembre de 2018 | 11:00

En castelán

A impugnación á coroa tivo a súa maior expresión hai un ano en Catalunya, co referendo do 1-O e o movemento de masas pola independencia. Nos últimos meses, o rexeitamento á monarquía comeza a estenderse ao resto do Estado, expresándose en diferentes xestos e movementos, como o dos estudantes de Asturias que se negaron a recibir a Felipe VI ou o mozo mallorquino que lle entregaba a escoba, as pitadas monumentais á parella real, as mocións en favor dun referendo do Parlamento de Navarra ou pola súa abolición do Parlament catalán e o Concello de Barcelona. A isto súmanse as consultas populares que tiveron a súa orixe no barrio de Vallecas en Madrid e comeza a replicarse noutros pobos e barrios da capital. E, por suposto, o extraordinario movemento por referendos que crece día a día en universidades de todo o Estado.

Este clima contrasta fortemente co que se vivía hai apenas un ano, cando o Réxime quixo converter a escalada represiva contra o pobo catalán na vangarda dunha “restauración reaccionaria” en todo o Estado coa Coroa á fronte. Agardaban que fose o bautismo de lume de Felipe VI, que asentase o seu reinado sostido sobre a España do “a por eles” e as bandeiras nos balcóns, de cuxas entrañas nacen os VOX, Abascal e compañía.

Con todo, lonxe de fortalecerse, o Réxime atópase en crise e a monarquía en retroceso, cada vez máis cuestionada e seguida de preto pola xudicatura, que se retratou aos ollos de millóns como unha institución entregada aos intereses do capital financeiro. A iso contribuíu enormemente a casa real e os seus escándalos de corrupción, que tanto xuíces como PP, PSOE e Cs esforzáronse por tapar.

A crecente oposición á coroa obrigou mesmo a Podemos e EU a revisar a súa política dos últimos anos de “sacar da axenda” a cuestión da monarquía. Aínda que aínda está por verse que isto mude en promover a mobilización e a esixencia dun referendo e, sobre todo, como pensan conciliar o seu xiro republicano con ser sostén por esquerda do goberno do sempre monárquico PSOE.

Ao tempo, as aspiracións democráticas do pobo catalán non puideron ser esmagadas. A pesares da represión e a política claudicante da dirección “procesista”, que levaron ao movemento a un impase, o xurdimento dun movemento antimonárquico no resto do Estado abre a posibilidade dunha gran loita común contra o Réxime que permita retomar a loita polo dereito a decidir dende unha moito mellor posición. Unha folla de ruta moi superior á vía de desobediencia institucional na que se baseou o “procesisme” en 2017.

As distintas consultas sobre a monarquía comezan a ser unha expresión organizativa de todo ese malestar crecente que ameaza con mudar nun movemento a nivel estatal, especialmente no caso dos referendos universitarios. O que comezou como unha iniciativa de estudantes da Universidade Autónoma de Madrid xa se estendeu á Universidade de Zaragoza, a UB e a Pompeu Fabra de Barcelona, a Carlos III e a UCM- UPM de Madrid, a Universidade de Vigo, a de Asturias, A Lagoa en Tenerife, a de León, A Coruña, Santander, Elche… chegando a catorce universidades no momento de escribir esta declaración, xa que se incorporan novas constantemente.

Non é de estrañar que na mocidade sexa onde máis se estea a expresar o rexeitamento a esta institución arcaica e herdeira directa da ditadura. Xustamente entre as e os que nacemos baixo a orde da segunda restauración borbónica: o Réxime do 78, froito do pacto entre o franquismo e as direccións reformistas do PCE e o PSOE. Somos quen padecemos, xunto ás mulleres e os inmigrantes, as peores taxas de precariedade e desemprego, para quen estudar na universidade converteuse nun luxo, acceder ao aluguer dunha vivenda nunha odisea e vemos un futuro de salarios de miseria, inseguridade vital e frustración dos nosos proxectos de vida.

Por iso, esta crítica non debería limitarse á institución que representa Felipe VI, senón que ten que estenderse ao conxunto do Réxime do 78. Abrir o melón da monarquía implica poñer patas para arriba todo o demais. De aí ligar a loita por un referendo sobre a monarquía á loita por procesos constituíntes en todo o Estado, tal e como se pregunta nas papeletas da maioría dos referendos universitarios. Porque nos cansamos de que xuíces, banqueiros, políticos ao servizo da súa maxestade decidan sobre as nosas vidas. E queremos que sexan os pobos os que decidan absolutamente todo.

A idea de proceso constituíntes en plural é para nós un dos grandes acertos deste nacente movemento. Porque parte do pleno recoñecemento do dereito de autodeterminación das nacións que integran o Estado español. Así, por exemplo, que o pobo catalán poida abrir o seu propio proceso constituínte para definir como será a súa república e a súa relación coas demais debe ser unha causa común da mocidade, a clase traballadora e os sectores populares de todo o Estado. Contra toda tentativa de “republicanismo españolista”, é preciso defender a solidariedade entre os pobos e a loita conxunta contra os opresores comúns.

Pero tamén a vontade de “decidilo todo”, é dicir, loitar para que estes procesos constituíntes sexan realmente libres e soberanos, sen ningunha atadura nin condicionamento aos poderes e institucións do actual réxime. Nin aos seus xuíces, nin ás súas leis, nin aos seus corpos policiais... nin por suposto á súa monarquía. Que podamos decidir tamén que facemos coa banca, como financiamos o ensino, a sanidade, como rematamos co paro, a precariedade laboral, coa caste xudicial e política, como imos aplicar as demandas que expón o movemento de mulleres, etc.

Un proceso deste tipo non vai vir da man deste Réxime podrecido e irreformábel. O rei non se quitará a súa coroa polas boas se non é pola vía da mobilización nas rúas. É preciso poñer en marcha grandes forzas sociais que poidan enfrontalo e expulsalo. A cincuenta anos do maio do 68, a mocidade e o movemento estudantil poden volver xogar un papel determinante na conformación desas forzas adiantando e expresando o fondo malestar da poboación. Malestar que non se está a manifestar con todo o seu potencial sobre todo grazas ao papel das burocracias sindicais para bloquear que a clase obreira entre en escena e da esquerda reformista ao desviar as mobilizacións sociais cara á ilusión do electoral.

Dende a agrupación xuvenil Contracorrente xogámonos con todo a esa posibilidade. Por iso impulsamos desde o minuto un os referendos alí onde estamos, xunto a outros estudantes e colectivos, e tamén chamamos ao conxunto das asociacións estudantís a impulsalo audazmente rachando con todo sectarismo e rutinarismo.

Propoñemos traballar polo desenvolvemento e masificación deste movemento, estendelo a cada universidade e instituto, avanzar na súa coordinación estatal e construír un gran movemento estudantil antimonárquico e de ruptura co Réxime. Un movemento que para triunfar debe confluír co enorme movemento de mulleres, que xa prepara outra gran xornada de folga de 24 horas para o 8 M, e que se debe propoñer impactar na clase traballadora, ligarse a ela, ás súas loitas... para contribuír a varrer co obstáculo que supón a burocracia sindical.

A perspectiva das compañeiras e compañeiros de Contracorrente é pór en pé a forza social da clase traballadora, as mulleres e a mocidade para botar abaixo a monarquía e impoñer procesos constituíntes onde se aproben medidas como a abolición do Senado, a separación real da Igrexa e o Estado, a limitación de mandatos e revogabilidade dos cargos públicos, etc. Pero tamén o non pago da débeda, a nacionalización da banca e sectores estratéxicos da economía baixo control de0 traballadores e usuarios, a creación dun parque de vivenda pública a partires das casas que están en mans dos especuladores inmobiliarios, a prohibición dos despedimentos e contratos precarios, a repartición das horas de traballo.

É dicir, un programa que expropie aos expropiadores como única vía posíbel para resolver as necesidades e demandas da inmensa maioría da poboación, e non dun fato de capitalistas.

Chamamos a todas e a todos os activistas estudantís que compartan estas ideas para organizarse connosco e a sumarse a seguir construíndo este movemento en todo o Estado e baixo esta perspectiva: a de loitar xunto á clase obreira, sen ningunha confianza no réxime e os seus mecanismos de reforma, ligando esta gran loita democrático-radical cun programa anticapitalista e antipatriarcal, que abra o camiño a que nos deixen de gobernar os representantes do IBEX35, os xuíces da banca e o resto da Corte, para que sexamos a clase traballadora, as mulleres e a mocidade quen decida sobre todo.






Temas relacionados

Referéndum República o Monarquía   /   Vigo   /   Juventud    /   Política Estado Español   /   Galicia   /   Asamblea Constituyente   /   Rey Felipe VI   /   Monarquía   /   Proceso Constituyente   /   Asamblea Constituyente libre y soberana   /   Estudiantes   /   Movimiento estudiantil   /   Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO