Política Estado Español

MOCIDADE, CONSULTAS REPUBLICANAS

Tamén en Vigo; organicemos un referendo contra a monarquía na universidade!

Do mesmo xeito que están a facer noutras universidades do Estado español, o movemento expándese á Universidade de Vigo. O martes 20 de Novembro ás 12 da mañá terá lugar un acto de presentación no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Sábado 17 de noviembre de 2018

Un movemento republicano en expansión

Xa son máis de nove as universidades que organizan un referendo sobre a monarquía. Seguindo o exemplo da Autónoma de Madrid, a Universidade de Zaragoza, as de Barcelona e a Pompeu Fabra, a Carlos III, a Complutense e a Politécnica de Madrid, tamén a UNIAS de Asturias e a UVigo en Galiza organizan un referendo sobre a monarquía, así como as de León e A Coruña. O movemento antimonárquico no estudantado esténdese e pode converterse nun movemento estatal xunto ao resto das consultas en barrios e concellos.

Dende o referendo pola independencia de Catalunya o 1-O de 2017, que implicaba a ruptura aberta co réxime español e a súa monarquía, as mostras de rexeitamento á casa real voltáronse comúns e non deixaron de multiplicarse. Cada vez máis sectores da clase traballadora e a mocidade cuestionan por que se debe manter unha institución reaccionaria herdada do franquismo, totalmente arcaica e antidemocrática.

Son soados os casos de corrupción na familia real, dende Urgandarín, ata as comisións do ex-monarca Juan Carlos facendo negocios con ditaduras como Arabia Saudita. Estes casos, sumados ás necesidades sufridas polo pobo traballador na crise económica, fixeron da monarquía unha institución cada vez con menos apoio. Tan é así que o CIS decidiu deixar de publicar enquisas de opinión respecto diso. O rei Felipe II apoiou aínda por riba a represión o 1-O e a aplicación do 155. Unha institución anacrónica e herdada do franquismo axudando a impedir un proceso democrático.

O pasado 23 de xuño no madrileño barrio de Vallecas 6.490 persoas (de 7.270) dixeron ’si’ á República na consulta organizada pola plataforma Vallekas Decide. O parón estival limitou inicialmente a súa expansión. Pero, aínda que insospeitado nese momento, esta iniciativa estaba na xénese do que comeza a mostrarse como un movemento cada vez máis amplo. Vicálvaro o 24 de novembro; Latina, Arganzuela, Carabanchel, Centro, Tetuán, Vallecas, Usera, Leganés, Alcobendas, San Sebastián de los Reyes, Parla e Rivas o 2 de decembro; Lagoa e Móstoles o 15 de decembro. Máis de doce distritos e concellos farán consultas sobre a monarquía en pouco menos dun mes.

O debate arredor da monarquía e sobre o carácter antidemocrático do réxime do 78 instalouse de tal xeito nas universidades que decenas de docentes, investigadores e persoal administrativo de universidades de todo o Estado asinaron un comunicado de apoio ás iniciativas animando “a participar na mesma a toda a comunidade universitaria (estudantes, profesorado e PAS)”. “Fronte ao silencio ou apoio explícito á coroa das autoridades universitarias”, os e as asinantes do texto de apoio “expresan a vontade de que a universidade sexa un espazo crítico e democrático”.

Por Asembleas Constituíntes libres e soberanas para decidilo todo

Tal e como expresa Lucía Nistal, membro de “Contracorriente” e “Pan y Rosas” en Madrid: “Trátase dunha monarquía imposta, que nunca se votou, como recoñeceu ata o propio ex-presidente Suárez –pouco sospeitoso de esquerdista–, que meteron pola xanela no pack da constitución que se votaba baixo a chantaxe de que era a única vía para a democracia. Unha constitución en cuxa redacción participaron militares do franquismo para impor a indisoluble unidade de España e que hoxe está pechada con cadeado, cuxa chave a ten o rei e o seu dereito para veto”.

Por isto nos referendos dalgunhas universidades xa se votou que haberá dúas preguntas: “Estás a favor de abolir a Monarquía como forma de Estado e instaurar unha República?” será a primeira pregunta. E a segunda: “En caso afirmativo, estás a favor da apertura de procesos constituíntes para decidir que tipo de República?”.

Aquí en Galiza, sabemos ben que tampouco lle debemos nada ao Réxime do 78. Mentres milleiros de efectivos policiais mandáronse para reprimir o 1-O ou a folga do 3-O do 2017 en Catalunya, o apoio dende Madrid para apagar os catastróficos lumes do 15 de Outubro, con millóns de euros en perdas e 4 falecidos, foi moi escaso e chegou tarde. Están claras as prioridades dos gobernos que representan os intereses do capital. Por iso aquí tamén queremos decidilo todo, e poder acabar co paro, a pobreza e a emigración forzada na nosa terra, entre outros problemas sociais.

Neste senso, coidamos que é preciso loitar por procesos constituíntes, en plural, nas distintas nacións oprimidas do Estado español, para rematar co reaccionario Réxime do 78. Pensamos que os pobos teñen dereito a decidir sobre todas as cuestións que lles afectan. Queremos loitar contra a monarquía, pero tamén pola separación da Igrexa e do Estado, o non pago da débeda ilexítima, a blindaxe de dereitos sociais como Sanidade, Pensións ou Ensino, ou o control por parte dos traballadores dos grandes sectores da economía (banca, transporte, enerxía, etc), para rematar coa pobreza enerxética, os desafiuzamentos, o desemprego, etc.

A crítica á Monarquía tamén pasa pola defensa do dereito de autodeterminación das nacións oprimidas do Estado español, os dereitos das mulleres e persoas LGTBI, e todas as demais demandas democráticas e sociais. Os estudantes están á fronte dun movemento que cuestiona todo o Réxime político, un movemento ao servizo das maiorías sociais: a clase traballadora, as mulleres e a mocidade.






Temas relacionados

Referéndum República o Monarquía   /   Vigo   /   Política Estado Español   /   Galicia   /   Asamblea Constituyente   /   Juventud

Comentarios

DEJAR COMENTARIO