Mundo Obrero Estado Español

GALIZA

10M: día da clase obreira galega e greve xeral en Ferrol

Jueves 11 de marzo | 13:50

En castellano

Como cada ano, producíronse nas principais cidades galegas manifestacións en lembranza de Amador Rey e Daniel Néboa, os dous obreiros do estaleiro Bazán asasinados pola policía franquista en 1972, cando participaban dunha greve histórica con epicentro en Ferrol e Vigo. Este ano 2021 tamén se convocou unha greve xeral en Ferrol con motivo da grave situación de crise.

Realizáronse manifestacións en Ferrol e Ourense pola mañá e en Vigo e Santiago de Compostela pola tarde. Houbo dúas convocatorias en Vigo, da CIG e a CUT. Na manifestación da CIG, participaron varios centos de persoas e discorreu desde o cruzamento de Vía Norte ata o Farol de Urzaiz. O feito de que non houbese unha manifestación conxunta constituíu todo un exercicio de sectarismo que, máis se cabe nesta dura crise provocada pola pandemia, é inadmisíbel.

Greve xeral en Ferrol en 2021, 41 anos despois

A folga xeral nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal convocouse pola CIG, CCOO e UXT como resposta á destrución de emprego e a grave crise industrial que leva azoutando moitos anos á comarca. A crise industrial e o desemprego esténdese por toda Galiza mais son máis graves no norte: A Coruña, Ferrol, As Pontes, A Mariña, Terra Chá, etc. Na greve participaron tamén os traballadores de Alcoa que se desprazaron dende Viveiro, e tamén os de Alu-Ibérica (antes Alcoa) dende A Coruña.
Entre os motivos da greve atópanse a falta de carga de traballo para os estaleiros de Navantia, o peche (sen claras alternativas de traballo) da Central Térmica das Pontes e de Meirama, de Siemsa- Gamesa, a falta de garantía de continuidade de produción en Alu-Ibérica, o peche de centros de traballo de Naturgy na Coruña e a situación da industria electrointensiva.

Segundo a CIG a greve foi un éxito e paralizou os principais polígonos industriais e o naval, así como en Inditex e Indiput, moi pouca actividade no transporte urbano e administración, e tamén na recollida de lixos. Na manifestación de Ferrol saíron milleiros de persoas á rúa en demanda de “políticas e investimentos que nos permitan ter futuro”. A marcha percorreu toda a estrada de Castela ata Porta Nova e recibiu o apoio de traballadores de Alcoa San Cibrao, AluIbérica da Coruña, Ferroatlántica ou Celsa Atlantic, empresas que tamén están en loita.

Manuel Anxo Grandal, secretario comarcal da CIG de Ferrol, afirmou que “a transición enerxética ten que ser xusta, non se pode dar un proceso que na práctica sexa unha nova reconversión para estas comarcas, con destrución de postos de traballo e máis pobreza”. En relación ao peche de empresas contaminantes e/ou electrointensivas que están a ser realizados coas escusa da transición enerxética sen ofrecer solucións aos traballadores. Ademais, Grandal tamén falou da crise demográfica que sofre a comarca, polas altas taxas de emigración debida á falta de emprego.

Por outra banda, engadiu: "a industria en Ferrol perdeuse. A deslocalización de empresas deuse a pasos axigantados e de maneira moita máis escandalosa que outras áreas do país, porque moitas das empresas que estiveron subvencionadas cos famosos plans ZUR, ZIR, Ferrol, etc. Plans industriais que ao final só serviron para engordar con cartos públicos os petos de empresarios piratas, que en canto viron a oportunidade noutro lugar, pecharon as portas. Non precisamos máis políticas para atraer especuladores de diñeiro, se non asentar tecido duradeiro e que xere emprego estable e con dereitos"

Que significou a folga do 72?

No 72 houbo dous episodios de loita obreira importantes en Galicia, o primeiro en marzo en Ferrol e o segundo en setembro en Vigo. Relataremos os principais eventos e cal é o seu significado xeral.

O 7 de marzo dese ano o sindicato vertical firma en Madrid un convenio interprovincial que non recoñecía as demandas dos traballadores de Bazán, en Ferrol, de dispoñer dun convenio propio, nun contexto no que CC. OO tiña moita influencia nesa cidade. O 8 de marzo os obreiros rexeitan o acordo en asemblea e acordaron unha nova asemblea para o día 9.

A empresa respondeu despedindo a 6 sindicalistas de CCOO: José María Riobó, Manuel Amor Deus, José Díaz Montero, Ramiro Romero, José Miguel Rey e Alfonso Couce. Ramiro Romero foi agredido polos gardas ao negarse a asinar a sanción. Esta situación rematou por provocar que ás nove e media da mañá cinco mil traballadores concéntranse ás portas da fábrica para esixir a anulación dos despedimentos e sancións aos gardas. A policía cargou ás 5 da tarde, continuaron os enfrontamentos na cidade e escoitáronse o primeiros disparos.

O día 10 catro mil traballadores congregáronse fronte ás portas pechadas de Bazán e decidiron marchar en manifestación ata o polígono de Caranza e unirse cos traballadores de ASTANO. A policía voltou cargar no medio do percorrido da manifestación e esta carga foi respondida con pedras. As forzas da orde abriron fogo. Amador e Daniel morreron e outro medio centenar de obreiros resultan feridos, pero a policía tivo que retirarse ao cuartel, onde se defenderon de intentos de asalto.
Nese momento outras empresas da cidade solidarízanse e tamén van á greve. En resposta, o goberno cortou as comunicacións e pechou por terra a cidade, e un buque da Armada situouse fronte ao Ponche das Pías. O exército permaneceu acuartelado e Ferrol foi tomado pola Garda Civil e a Policía Armada con efectivos de León e Valladolid.

Esta situación continuou ata o 20 de marzo, cando os obreiros víronse obrigados a ceder despois de 10 días de rebelión contra a patronal e o réxime franquista asasino. Ademais dos dous mortos, houbo 16 feridos de bala, 160 despedidos, 101 detidos, 60 encarcerados e 54 multados con entre 50.000 e 250.000 pesetas. A día de hoxe aínda non se xulgaron os crimes que se produciron por parte das forzas policiais aqueles días.

Xa en marzo houbo en Vigo greves solidarias cos traballadores de Ferrol, nunha dinámica que se achegaba á greve xeral tamén en Vigo. No 6 de setembro reivindicouse a xornada laboral de 44 horas semanais en Citröen e producíronse despedimentos 3 días despois.

Isto provocou unha greve que se converteu en poucos días nunha greve xeral onde se sumaron 15.000 traballadores, tamén doutras empresas como Vulcano e mesmo os traballadores do transporte público. Houbo máis de 6.000 despedimentos, que remataron sendo 400. A greve desactivouse pola acción policial 15 días despois de comezar.

Unha homenaxe á folga do 72 cargado de loita polo noso futuro

Este episodio heroico de loita da clase traballadora galega supuxo un golpe importante para o réxime franquista, que tivo que ceder nalgunhas das reivindicacións e o sindicalismo ficou reforzado. Pero sobre todo porque expuxo a posibilidade real dun levantamento obreiro, con demandas económicas sectoriais pero tamén cun fondo sentido político a favor das liberdades democráticas contra un réxime ditatorial. Lembrar esta data é parte da recomposición do fío vermello da historia, que nos axuda a preparar novas batallas para vencer.

Coa pandemia actual, producíronse xa 5400 despedimentos no sector industrial en Galicia, e novos plans de ataques á clase traballadora ven no futuro. Isto súmase a unha situación de pobreza, salarios e pensións baixos (en comparación co norte peninsular) que xa viña de antes da pandemia. Neste sentido, a greve xeral en Ferrol e arredores é un paso na boa dirección para a construción dun movemento obreiro forte e combativo que sexa capaz de acadar todas as demandas sociais.

Con todo, aínda que a situación no norte de Galicia está a ser peor, non é dabondo cunha mobilización localizada en só algunhas áreas. Para poder vencer é precisa a solidariedade dos principais centros industriais e concentracións de traballadores no sur (Vigo e arredores), do mesmo xeito que o fixeron os nosos antepasados.

Ademais, a situación de relativa estabilidade no sur pode mudar a medida que se vaia desenvolvendo a crise capitalista no Estado español, que por seguro non rematará nin sequera para cando se supere a pandemia. Precisamos unha fronte única do sindicalismo combativo, xunto co resto de movementos sociais, incluído o movemento estudantil.

Só cunha estratexia así poderemos facer fronte aos despedimentos e recortes de dereitos laborais e acadar un programa anticapitalista, que inclúa, entre outras cuestións, a expropiación sen indemnización de toda empresa que despida, así como de toda empresa que non estea disposta a realizar os investimentos precisos para realizar unha transición enerxética e ecolóxica xusta.






Temas relacionados

Galiza   /   CIG Galiza   /   CUT Galiza   /   Memoria Histórica   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   CCOO

Comentarios

DEJAR COMENTARIO