Mundo Obrero Estado Español

PRECARIEDADE LABORAL

As nosas vidas importan: dous traballadores morren en Vigo por falta de seguridade

Morren dous traballadores en Vigo por falta de condicións de seguridade. Dous novos crimes patronais que suman á avultada estatística de mortes e accidentes laborais ligada estreitamente á precariedade laboral.

Jueves 18 de junio de 2020 | 14:36

O luns 9 de Xuño morría un traballador no Porto de Vigo. Ao redor de 1000 traballadores manifestáronse o martes 10 de Xuño xunto aos sindicatos que esixiron máis medidas de seguridade. Así mesmo o venres 12 de Xuño morreu unha traballadora da industria da automoción que levaba unha semana grave no hospital.

O accidente na empresa en Armadores Pereira ocorreu ao redor das 14:00 mentres o soldador, de 53 anos, estaba a realizar traballos de soldadura na popa do buque pesqueiro Argos Vigo. Unha comporta hidráulica do barco caeulle enriba. Morreu no acto. O operario era natural de Tirán, en Moaña. A comporta é de ferro macizo e pesa media tonelada. O 061 enviou unha ambulancia de soporte vital avanzado e o médico confirmou o falecemento de J. L. P. G.

O martes 10 de Xuño pola mañá convocouse unha manifestación por parte de CC. OO, UXT e CIG, onde se denunciou as malas condicións de traballo e esixiron ás administracións públicas realizar as inspeccións necesarias, así como sancións ás empresas para poder rematar con estas mortes evitables. Máis de mil de traballadores de estaleiros e industrias auxiliares do naval solidarizáronse co caso e mostraron a súa rabia e indignación, en varias marchas que confluíron na delegación territorial da Xunta de Galicia e denunciaron a "precarización" do sector e a falta de control sobre as empresas. Alí gardaron un minuto de silencio polo seu compañeiro falecido.

O responsable do naval da CIG na comarca, César Rodríguez afirmou que "todos os días" hai incidencias nas empresas, "unhas máis graves e outras menos graves", e que son resultado da precarización do sector, onde case non hai control por parte da administración pública. Así mesmo dixo que as pequenas empresas auxiliares multiservicios convertéronse en " tratantes de carne humana".

O responsable de Industria de UXT, Rubén Pérez fixo fincapé na atomización do sector e afirmou que as medidas de prevención e saúde laboral cúmprense menos no subsector da reparación, xa que estas non se fan dentro de edificios cunhas mínimas condicións de seguridade. O responsable de Industria en CC. OO. Galicia, Víctor Ledo, criticou o "incumprimento" da Xunta, que hai un ano "comprometeuse a convocar unha mesa" para defender a industrialización e acabar coa precariedade.

No mesmo sentido pronunciouse Celso Carneiro, portavoz de Industria de CC. OO en Vigo, que dixo que cada día o traballo é "máis precario, con máis presión" e que o goberno galego que salga das eleccións do 12 de xullo "terá que sentarse a falar" con este sector.

En xeral todos os sindicatos manifestáronse moi críticos coas condicións de seguridade no sector e reclamaron máis inspeccións e unha mesa de negociación coas administracións públicas e a patronal para mellorar a situación. Pero máis aló da manifestación do martes, de momento non expuxeron máis accións de loita ante o que podemos considerar como outro “crime patronal”, produto da despreocupación das empresas cara aos seus traballadores, quen en orde de importancia están por detrás dos seus beneficios.

Non se trata dunha excepción. O venres 12 morreu outra traballadora en Compoñentes de Vehículos de Galicia no Porriño, que fora esmagada por unha máquina hidráulica e levaba unha semana hospitalizada. Era natural de Gondomar e só levaba seis meses na empresa, onde tamén traballaba o seu marido. O comité de empresa concentrouse fronte á planta no polígono porriñés de As Gándaras para reclamar máis medidas de seguridade laboral.

Non son casos illados, é todo un sistema

En 2019 morreron en accidente laboral 695 traballadores, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, 621 traballadores asalariados e 74 autónomos. Case dous falecidos cada día nos seus postos de traballo ou de camiño a este. Oito de cada dez destes accidentes mortais, (542) producíronse durante a xornada de traballo e o resto (153) no traxecto de ida ou de volta.

De acordo coa estatística do Ministerio, en 2019 contabilizáronse 635.227 accidentes laborais con baixa, dos que o 86,5% -549.569- rexistráronse no lugar de traballo e o 13,5% restante, un total de 85.658 accidentes producíronse “ in itinere”, é dicir, de camiño ao traballo.

Por outra banda, Galicia é a comunidade autónoma con máis mortes por accidentes laborais por cada 100.000 habitantes, con ao redor de 6 mortes por ano, máis do dobre que a media española. En 2018 morreron 56 traballadores, 7 máis que no 2017. No 2019 seguiu sendo a comunidade con máis sinistralidade, sen incluír a Ceuta e Melilla, segundo un informe de CC. OO, aínda que a situación mellorou moi levemente. O informe, elaborado a partir das estatísticas do Goberno central indica que houbo 5,46 mortes por cada 100.000 habitantes ao ano, mentres que no resto do Estado foi de 3,08. En total, 50 persoas asalariadas faleceron en accidente de traballo, 43 deles durante a súa xornada.

Para entender isto é crucial saber que o 43% dos accidentes afectaron a persoas con contrato temporal, que representan tan só o 26 % dos contratos totais. Está claro que a precariedade laboral mata. Por outra banda, en moitas ocasións non se recoñecen as enfermidades profesionais de traballadores expostos a altos ritmos de traballo e que sofren lesións con máis frecuencia, ou que se ven contaminados por tóxicos.

Ademais, a pandemia do coronavirus puxo en evidencia a irresponsabilidade de moitas empresas á hora de establecer protocolos de seguridade, todo para salvagardar as súas ganancias. Actos que favoreceron unha maior extensión do virus e unha maior perda de vidas humanas.

Apoiamos as manifestacións de repulsa e os actos convocados polos sindicatos maioritarios para denunciar estes graves feitos. Pero non compartimos a súa visión de que este problema se vaia a solucionar simplemente cunha “mesa de diálogo”. A patronal debe de ser consciente da verdadeira forza da clase traballadora. Son precisas máis accións e máis contundentes para facer retroceder aos ataques do goberno e o capital.

En particular en Galicia, a clase traballadora enfróntase ao peche de Alcoa e á grave crise do sector do aluminio, un dos principais sectores da industria no territorio, coa ameaza da perda de miles de postos de traballo entre directos e indirectos. Temos a maior taxa de mortalidade laboral, unha alta taxa de paro e de emigración, así como de precariedade, mesmo nun sector esencial como é o sistema sanitario.

Disto non saímos cunhas poucas concentracións e o chamado a un “pacto social”. É necesaria a maior solidariedade de clase entre os distintos sectores de traballadores, para conservar todos os postos de traballo, mellorar as condicións de seguridade, acabar coa precariedade e conseguir salarios dignos para todos e todas. Ningunha confianza no goberno do PP galego, nin no goberno central do PSOE e Unidas Podemos. Toda a confianza na forza da clase obreira organizada para reverter todos os ataques e conquistar vellos e novos dereitos para satisfacer todas as nosas necesidades sociais.






Temas relacionados

Galiza   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Precariedad laboral

Comentarios

DEJAR COMENTARIO