Sociedad

GALICIA, TRANSPORTE

Brutal recorte no transporte por estrada: Vigo e Lugo quedan sen conexión directa diaria

Como parte dun plan de recorte de liñas da Xunta, Vigo e Lugo quedan sen transporte público directo diario por estrada. O servizo, en mans de Monbus, redúcese a dous días na fin de semana, diminuíndo a calidade do servizo e pondo en risco postos de traballo e condicións laborais

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Lunes 19 de febrero de 2018 | 20:43

A Xunta está a reestruturar progresivamente as liñas de transporte por estrada en toda Galiza. Agás nas principais áreas metropolitanas, isto está a supor unha supresión xeral dos servizos. Monbus renunciou á súa concesión anterior pero o Goberno galego volveulla outorgar obrigando só a prestar o servizo con transbordos en Pontevedra. A empresa só fará o servizo directo os venres entre Lugo e Vigo e os venres e domingos entre Vigo e Lugo.

O servizo de autobús entre Lugo e Vigo viña sendo prestado por Monbus, propiedade de Raúl López, investigado no caso Cóndor, e principal empresa de transporte por estrada de Galicia.

Esta empresa, ao igual que fixeron outras empresas con liñas de ámbito comarcal, renunciou a varias das concesións que tiña argumentando que non eran rendibles, o que fixo que a Xunta volvese licitalas con outras condicións e Monbus volvese resultar o principal receptor desas novas concesións. Unha situación similar do que aconteceu con dúas grandes liñas interurbanas, A Coruña-Vigo e Lugo-Vigo, tamén en mans de Monbus.

A situación resulta indignante, sendo Lugo unha cidade de case 100.000 habitantes, afastada do resto das cidades galegas polo menos 100 km, e con malas conexións ferroviarias e por estrada. Soamente existe conexión ferroviaria entre Ourense e Lugo, e entre A Coruña e Lugo, case sempre coa necesidade de facer transbordos. O novo recorte na liña directa de autobús suporá unha diminución evidente da calidade do servizo, ademais dunha desigualdade inadmisíbel con respecto as persoas que viven no eixo atlántico. Por outra banda, esta decisión pode por en risco os postos de traballo, así como reducir as condicións laborais dos traballadores.

O plan da Xunta, iniciado en Abril do 2017, pretendía a eliminación de 578 liñas, e supoñía alomenos 1000 despidos, foi duramente contestado por unha folga indefinida dous días por semana dende finais de Xuño do ano pasado. Despois dun mes de loita, sindicatos, empresas e a Xunta chegaron a un acordo que mantivo os postos de traballo pero supuxo una baixada do soldo. Porén, aínda que con retraso, o goberno galego está a cumprir o seu plan de recorte en colaboración coas grandes compañías do sector.

O interior e o rural galego están a sufrir un despoboamento moi acentuado nas últimas décadas. A crise capitalista non fixo máis que acelerar o proceso. A falta de oportunidades laborais, e os servizos sociais cada vez máis deficientes, obrigan a milleiros de mozos e mozas a emigran cara a costa, ou cara outras zonas do Estado español e o estranxeiro.

Na provincia de Ourense, por primeira vez na súa historia rexistráronse no 2017 máis pensionistas que traballadores cotizantes á seguridade social. En Lugo os pequenos propietarios gandeiros están en todo momento as piques da ruína, sendo forzados polas grandes superficies a vender o leite case a prezo de custe.

Fronte a isto, o goberno galego non fai máis que “soltar lastre”. Lonxe de preocuparse das necesidades da poboación, favorece coas súas leis e accións os intereses das empresas, que non

queren perder cartos con servizos “non rendibéis”. Ademais, tenta reducir o gasto, como pretende a nova “Lei Galega de Saúde”, que recibiu unha dura resposta nunha grande manifestación o 4 de Febreiro en Compostela, e é parte do plan por o desmantelamento dos hospitais nas vilas do interior, mediante a redución do número de áreas sanitarias. E supón un paso máis no proceso privatizador da Sanidade Pública.

Por outra banda a “Lei de Depredación de Galiza” permite a expropiación forzosa de terreos cando a inversión da empresa sexa superior aos 20 millóns de euros. O goberno galego está a vender a nosa terra por anacos ás grandes multinacionais mineiras e outras grandes empresas.

Mentres, vemos como todo territorio galego, en maior ou menor medida vese afectado polos incendios ano tras ano. As grandes empresas papeleiras, mineiras, e as de produción enerxética, vense favorecidas polo despoboamento e o envellecemento da poboación. Xa que atoparán menos resistencia contra a degradación ambiental e a súas consecuencias sociais e de saúde.

Mais nas cidades e grandes vilas máis achegadas á costa a situación non é nin moito menos ideal. Mentres no interior o que domina é o paro de masas e o despoboamento, nas grandes cidades a precariedade xeralizada, a baixa dos salarios, a inflación, os problemas de habitabilidade e o deterioro de todos os servizos públicos afectan a centos de miles, e aínda máis a mulleres e novos.

Mentres o servizo de transporte público cada vez é peor, anunciouse unha suba do 4 % no 2018 na peaxe na Autopista do Atlántico, subindo máis o custo de viaxar en vehículo privado. A escusa foi a realización de obras como a da Ponte de Rande, que costou 130 millóns de euros.

Unha obra na que morreu un traballador e varios resultaron feridos debido aos ritmos extenuantes de traballo. Porén, meses despois da súa inauguración, a finais do ano pasado, as obras continúan, reducindo o tránsito a entre 2 e 4 carrís, fronte aos 6 carrís prometidos que pretendían facer máis fluído o transporte por autoestrada.

Por todo isto, consideramos que é preciso organizarnos para dar a batalla por un transporte público digno para Lugo e para toda Galiza. É inadmisíbel que as empresas concesionarias e o goberno pretendan maximizar os seus beneficios rebaixando as condicións laborais dos traballadores e minguando cada vez máis un xa deficiente servizo.

En oposición a isto, nós propomos o aumento das flotas de autobuses e trens e máis o abaratamento dos custos para incentivar o transporte público fronte ao privado. Ademais, fronte ás longas xornadas e os baixos salarios, expomos a necesidade de repartir o traballo, reducindo a xornada laboral.

Os sindicatos maioritarios como CIG, CCOO ou UXT deberían chamar á máis ampla mobilización dos traballadores do sector, así como como a unificación con resto dos sectores. No inmediato, é preciso conservar todos os postos de traballo e condicións laborais, á vez que satisfacer toda a demanda. Mais o pobo galego merécese un novo modelo de transporte. Un que vencelle os núcleos rurais cos urbanos, que sexa ecoloxicamente sostible, xere miles de postos de traballo e serva como nexo de unión da sociedade.






Temas relacionados

Galicia   /   Privatizaciones   /   Transporte   /   Sociedad

Comentarios

DEJAR COMENTARIO