Internacional

DECLARACIÓN INTERNACIONALISTA

“Guerra polas vacinas”: fronte á irracionalidade capitalista, anulación das patentes e vacinas para todo o mundo

Loitemos por anular as patentes e garantir vacinas e saúde pública para todo o mundo. Declaración da Fracción Trotskista - Cuarta Internacional ( FT- CI).

Martes 2 de febrero | 18:10

Castellano | English | Français | Italiano | Português | Deutsch | Catalá

Non pasou un mes dende que se iniciaron as campañas de vacinación nalgúns dos países máis ricos do planeta e xa se abriu unha crise de enormes proporcións. Unha verdadeira “guerra polas vacinas” dos Estados imperialistas entre si e destes coas empresas multinacionais farmacéuticas, que, xuntas, especulan á conta da vida de millóns de persoas en todo o planeta.

O 29/1/21, a Unión Europea implementou medidas extraordinarias para bloquear a saída de vacinas do territorio comunitario (os 27 países da UE, xa sen Reino Unido) cara a outros países. Procuran impedir así que as empresas que producen na Unión poidan vender noutras partes do mundo, antes de completar a cantidade de doses xa comprometidas cos principais estados comunitarios. Trátase dunha nova demostración do carácter reaccionario e imperialista da UE, que monopoliza miles de millóns de vacinas sen poñer en cuestión os dereitos de patentes e a produción en mans dos grandes laboratorios, mentres en países de África ou América Latina aínda están a chegar algúns poucos miles de doses. Este tipo de medidas nacionalistas reaccionarias xa as viamos ao comezo da pandemia, cando Alemaña e Francia prohibiron exportar respiradores a outros países que os precisaban con urxencia, como Italia, no auxe da pandemia, ou aínda máis grave, cara a varios países africanos que case non tiñan respiradores. A crise levou a unha tensión extrema con Reino Unido, onde a empresa AstraZeneca ten plantas de produción de vacinas. A UE acusa a Reino Unido de estar a reter produto que xa fora comprometido coa UE, e as autoridades británicas replican acusando á UE de aplicar un “nacionalismo de vacinas”, á vez que negan recoñecer as atribucións do seu enviado diplomático. Esta é a primeira gran crise entre Reino Unido e a UE despois de que se concretase o Brexit, a saída do Reino Unido da UE, hai un mes. A crise levou, tamén, a que Hungría desasociase da UE, encomendando pola súa conta a vacina chinesa Sinopharm, ademais da rusa Sputnik V, alimentando as disputas do goberno de Orban coa Unión Europea. China e Rusia, por súa vez, procuran aproveitar esta crise para gañar mercados para as súas propias vacinas, pechando contratos con países de América Latina, Asia e África, mediante os cales buscan impoñer condicións que beneficien a penetración das súas propias empresas –mentres que países como Brasil ou Turquía xa se queixaron dos atrasos nas entregas comprometidas da chinesa Sinovac –. A “guerra das vacinas” é así outro compoñente das disputas xeopolíticas cada vez máis exacerbadas.

A UE investiu 2.700 millóns de euros para o desenvolvemento de vacinas e acordou a compra de 600 millóns doses de Pfizer, 160 millóns de Moderna, 400 millóns de AstraZeneca, 400 millóns de Curevac, outros 400 millóns de Johnson & Johnson e 300 millóns de Sanofi. Un total de 2.260 millóns de doses. Tomando en conta que son necesarias dúas dose por persoa, isto dá como resultado un total de 1.130 millóns de aplicacións completas, o que case triplica o total da poboación nos 27 países da UE. Fica claro así que se trata de amorear, anticipándose ao feito de que algunha das vacinas non teña suficiente eficiencia. Mentres tanto, os países do continente africano ou de América Latina están a ficar completamente atrasados nos plans de vacinación. No caso do Estado de Israel, o país máis avanzado do mundo en materia de inmunización (despois de mercar as súas vacinas un 40% máis caras) é tamén o que máis cruelmente impón un apartheid á poboación palestina, á que nega o acceso ás vacinas.

De feito, as nacións máis ricas que suman só o 14% da poboación mundial mercaron nos últimos meses máis da metade (53%) de todas as vacinas con máis posibilidades de ter éxito. E de acordo con informacións da coalición “The people´s vaccine”, os 70 países máis pobres do mundo só poderán vacinar a 1 cada 10 persoas durante todo o 2021. Países como Canadá, en cambio, mercaron unha cantidade que lles permitiría vacinar á súa poboación polo menos cinco veces. Ata o de agora, arredor dun total de 64 millóns de vacinas xa foron administradas a nivel global, 38,7 millóns foron aplicadas entre Estados Unidos e Europa e outros 15 millóns en China. Porén, segundo o portal estatístico “Our World in Data”, en África –actualmente afectada por unha segunda onda con gran mortalidade– aplicáronse só 18.000.

Todo isto agrávase agora co atraso das farmacéuticas na entrega de vacinas nos países máis ricos. O goberno alemán advertiu esta semana que podería haber escaseza de vacinas nas próximas 10 semanas, e en España témese que fracase todo o plan de vacinación, xa que non chegarían a tempo as segundas doses da vacina Pfizer e Moderna. E mentres a Axencia Europea do Medicamento validou esta semana a vacina de AstraZeneca, en Alemaña anunciaron que non se aplicará aos maiores de 65 anos, o sector de máis alto risco, porque non sería segura neste grupo da poboación. Esta empresa con sede en Reino Unido é a quinta farmacéutica máis grande do mundo, pero hai uns días anunciou que fornecerá só o 60% das doses comprometidas coa UE, o que elevou a tensión con Bruxelas. Ante a falta de vacinas, algúns países, como o Reino Unido, non dubidan en pospoñer o momento da inxección entre dúas doses, mesmo en contra das indicacións dos expertos.

A isto súmase o temor ás cepas con mutacións, como a que se expande en Reino Unido e calcúlase que xa está presente en máis de 60 países. Alemaña prohibiu esta semana o ingreso de persoas procedentes de países onde se detectaron máis cantidade de casos con mutacións, en particular Reino Unido, Portugal, Sudáfrica e Brasil.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, dixo este martes no Foro Económico de Davos que “Europa investiu miles de millóns para axudar a desenvolver as primeiras vacinas do mundo contra a covid-19, para crear un auténtico ben común global. E agora as empresas teñen que cumprir, teñen que honrar as súas obrigacións”. Así mesmo, Angela Merkel e Emmanuel Macron, nun artigo de opinión publicado en maio de 2020, declararan a necesidade de que a vacina sexa un “ben público mundial”. Vaia mostra de cinismo imperialista. A UE non aposta por desenvolver ningún “ben común global”, senón que o que quere é acaparar a maior cantidade de vacinas, bloqueando agora a súa saída a outros países.

Todo indica que se reforzan as tendencias do “sálvese quen poida”. As grandes empresas capitalistas multinacionais especulan cun negocio milmillonario, aproveitándose de contratos secretos cos Estados, cheos de cláusulas ocultas á poboación. E agora venden “ao mellor ofertante” as doses prometidas, que nin sequera están producidas.

Esta é outra demostración brutal da irracionalidade do capitalismo, onde cada multinacional, co apoio dos respectivos estados, pesquisou pola súa conta, no máis absoluto secreto para garantir a súa patente, impedindo o intercambio científico entre as distintas probas e ensaios, pechando contratos a futuro sen ter sequera probadas as vacinas, e onde cada compañía compite coas outras por acaparar mercados, sen importarlles no máis mínimo as necesidades do conxunto da poboación máis pobre do planeta, sen acceso ás vacinas.

As farmacéuticas obtiveron enormes beneficios e cláusulas extraordinarias nos contratos, que asinaron con cada país por separado (ou coa UE como un todo). Estas condicións draconianas permanecen en gran parte baixo o máis estrito secreto, aínda que se filtraron algunhas aos medios, como prazos flexibles para o abastecemento, protección de patentes e, o máis escandaloso, cláusulas de inmunidade para evitar ser responsabilizadas se algo sae mal. No caso de efectos adversos na poboación, as empresas non poderán ser demandadas polos gobernos nin polos cidadáns. Noutros casos, os países teñen prohibido doar ou vender a un terceiro as doses, o que se converte noutro bloqueo para que as vacúas cheguen aos países máis pobres. Algúns contratos inclúen cláusulas para suspender as subministracións se os Estados fan públicos os prezos negociados. Isto permitiulles, segundo algunhas informacións, que a UE pagase 2,19 dólares por cada dose da vacina de Oxford- AstraZeneca, mentres que Sudáfrica pagou máis do dobre, 5,25 dólares.

Pero neste caso a irracionalidade produto da anarquía capitalista é aínda máis extrema, xa que unha pandemia mundial só poderá erradicarse se se consegue limitar os contaxios en todo o planeta. Xa vimos a comezos da pandemia que, dadas as conexións globais das cadeas de produción, comercialización e movemento de persoas, o virus que comezou a reproducirse entre os seres humanos en terras afastadas de Wuhan propagouse en poucos días a Roma, Nova York e Beijing. Ademais, algúns expertos advirten que, se os plans de vacinación fracasan, ou fica gran parte do mundo sen inmunizar, isto podería propiciar a mutación do virus, xerando novas cepas resistentes ás vacinas xa aplicadas, polo que todo resultaría nun retumbante fracaso a nivel global.

A irracionalidade capitalista contra a maioría da humanidade

Nunha reunión da Organización Mundial da Saúde (OMS) celebrada o 15 e 16 de outubro de 2020, India e Sudáfrica propuxeron que se suspendesen algúns artigos do acordo sobre Aspectos dos Dereitos de Propiedade Intelectual Relacionados co Comercio ( ADPIC), o que permitía a liberación das patentes para as vacinas e outras tecnoloxías relacionadas coa Covid. A proposta contou co apoio dalgúns países de América Latina e África, pero esbarrou co rexeitamento unánime de Estados Unidos, os principais Estados da Unión Europea (entre eles o Goberno “progresista” do PSOE e Unidas Podemos), Australia e Xapón. E aínda que o goberno de Biden en Estados Unidos reintegrou a ese país á OMS -institución da que saíra por orde de Trump-, non parece que vaia mudar un chisco a posición deste país imperialista respecto ao monopolio das patentes.

Unha plataforma de Organizacións Non Gobernamentais, entre as cales se atopan Médicos sen Fronteiras, Oxfam e outras, están a esixir a exención dos dereitos de propiedade intelectual en relación coas vacinas e medicamentos para a Covid. Denuncian que o control das patentes por grupos privados xa está a provocar situacións inéditas como que un tratamento antiviral con remdesivir en EEUU teña un custo de 3.120 dólares e que as versións xenéricas autorizadas na India custen entre 587 e 792 dólares por tratamento, mentres que “o custo mínimo estimado para fabricar remdesivir cunha marxe de beneficio razoable é de só 9 dólares por tratamento”.

A propiedade monopólica das patentes das vacinas por parte dun feixe de multinacionais capitalistas a nivel mundial está a provocar xa todo tipo de crueis desigualdades na distribución destas. Quen paga máis recibe máis, é o lema que guía o negocio das farmacéuticas, aínda cando isto significa deixar a gran parte do mundo sen vacinas. E isto implica non só máis mortes nos países máis pobres, máis crises nas súas economías, máis migracións para escapar da fame e máis desemprego, senón tamén que, se gran parte do mundo non obtén vacinas, a pandemia será máis difícil de erradicar. Mais a lóxica do lucro capitalista é o contrario á racionalidade e a planificación en función das necesidades sociais, como se está a demostrar de xeito tráxica nesta crise.

As patentes e a propiedade intelectual non son máis nada que a apropiación privada dun ben común: o coñecemento científico e técnico que se foi acumulando durante anos ou décadas, produto de múltiples pesquisas en diferentes países, en gran parte financiado con diñeiro público, en universidades, hospitais ou centros de investigación de todo o planeta. No caso dalgunhas vacinas como a de Moderna, o financiamento público implica case a totalidade. Esta empresa utilizou tecnoloxía desenvolvida polo goberno como a base da súa vacina, pero ademais recibiu preto de 1000 millóns de dólares de diñeiro público para desenvolver o medicamento. Finalmente, o Goberno de EEUU adiantou outros 1500 millóns de dólares por compras anticipadas. É dicir, que a totalidade do proxecto foi pagado con diñeiro público, pero a patente permanece en mans privadas. O financiamento público tamén é importante nos casos de Novavax, Curevac e a de Johnson & Johnson. E aínda que noutros casos o investimento privado foi importante, tamén se beneficiaron da compra anticipada de millóns de doses, outra forma indirecta de financiamento estatal.

Tanto como a arte, a cultura ou a terra, o coñecemento científico é parte dos bens comúns da humanidade, pero no capitalismo son apropiados para o lucro dun puñado de empresas privadas a través de patentes, dereitos de propiedade intelectual, marcas e recursos similares. No caso das vacinas e os medicamentos, isto é aínda máis grave, porque implica directamente a vida ou a morte de millóns de persoas. Isto non sucede só coa Covid. Por exemplo, cada ano morren na India máis de 100.000 nenos por pneumonía, unha enfermidade que sería evitábel coa vacina PCV13, cuxa patente posúea Pfizer e que non é accesible nese país polos seus altos prezos.

A desigual distribución do rexistro de patentes a nivel mundial é tamén unha fotografía da estrutura imperialista neste terreo. En 2019 rexistráronse 3.224.200 solicitudes de patentes a nivel mundial: entre China, Estados Unidos, Xapón, Corea e a Oficina Europea de Patentes rexistráronse o 84,7% do total mundial. Mentres que a suma combinada dos rexistros en África, América Latina e o Caribe e Oceanía foi do 3,3% en 2019.

Vacinas para todos: pola liberación de patentes e nacionalización das farmacéuticas e laboratorios

Nalgúns países de Europa e Estados Unidos vívese xa unha terceira onda da pandemia, que segue golpeando en América Latina con igual gravidade, mentres persiste a caída do emprego, e unha crise económica e social de grande magnitude. Con todo, a crise non é igual para todos. Soamente no ano pasado, 100 millóns de seres humanos caeron na pobreza, mentres que as 500 persoas máis ricas do planeta, que representan o 0.001 por cento da poboación mundial, obtiveron o maior crecemento do seu patrimonio nunha década. Estas abismais desigualdades sociais están no ADN do virus máis mortal, que é o capitalismo. Fronte a este panorama, todos os Gobernos, xa sexan conservadores ou “progresistas” xestionaron a crise mediante medidas de restrición da mobilidade, toques de queda e maior presenza policial nas rúas. Mentres din que “non hai recursos” para facer outra cousa, néganse a tocar os beneficios capitalistas, e descargan, outra vez, a crise sobre os traballadores e os pobos pobres do mundo, aumentando o seu endebedamento, o que implicará máis presións do FMI e outros organismos financeiros para novos recortes e axustes a curto prazo.

A loita por vacinas para todos e pola liberación das patentes é levantada como unha necesidade urxente cara a catástrofe da pandemia. De igual modo, é precisa a intervención estatal inmediata de todas as farmacéuticas e laboratorios, para poñelos baixo control dos profesionais da saúde e ao servizo plans racionais de produción e distribución de vacinas e testes, na perspectiva de nacionalizar estas empresas baixo control obreiro, xunto cos recursos da sanidade privada. O aumento de emerxencia dos orzamentos de saúde e educación, así como do persoal sanitario para poder garantir a vacinación e evitar o colapso dos hospitais, con impostos extraordinarios ás grandes fortunas, son outras medidas urxentes. No canto de seguir pagando a débeda externa, hai que impór a anulación da débeda dos países semicoloniais para evitar que se descarguen os custos da crise sobre as grandes maiorías.

Un programa deste tipo non poderá imporse aos vampiros capitalistas mediante peticións en liña ou declaracións formais á OMS. Tampouco podemos esperar nada dos partidos (neo)reformistas que, cando están no goberno como no Estado Español, néganse a implementar estas medidas de emerxencia. Só poderemos arrincar medidas deste tipo desenvolvendo unha loita conxunta da clase traballadora, as mulleres e a mocidade a nivel internacional. Para isto, tamén é preciso combater as burocracias sindicais que apoiaron a reaccionaria unidade nacional cos gobernos durante toda a pandemia, negándose a loitar polas medidas necesarias.

Fronte o crecemento das tendencias nacionalistas reaccionarias por parte dos Estados imperialistas e fronte á especulación brutal das multinacionais, dende a nosa perspectiva de loita internacionalista, anticapitalista e antiimperialista, convocamos a todas as organizacións que se reivindican da clase traballadora ou defensoras dos intereses populares, a impulsar medidas de loita urxentes en común, partindo da esixencia de abolición das patentes e garantir as vacinas e demais medicamentos, equipos e fondos necesarios para combater a pandemia. Non hai tempo que perder. As nosas vidas valen máis que os seus lucros.

* * *

A Fracción Trotskista - Cuarta Internacional (FT- CI) é unha organización revolucionaria internacional, impulsora da Rede Internacional de diarios A Esquerda Diario en 13 países e 8 idiomas. Está integrada por:

ARXENTINA: Partido dos Traballadores Socialistas (PTS) / BRASIL: Movimento Revolucionário de Trabalhadores (MRT) / CHILE: Partido de Traballadores Revolucionario ( PTR) / MÉXICO: Movemento dos Traballadores Socialistas (MTS) / BOLIVIA: Liga Obreira Revolucionaria (LOR- CI) / ESTADO ESPAÑOL: Corrente Revolucionaria de Traballadoras e Traballadores (CRT) / FRANCIA: Courant Communiste Révolutionnaire (CCR) que é parte do NPA (Nouveau Parti Anticapitaliste) / ALEMAÑA: Revolutionäre Internationalistische Organisation (RIO) / ESTADOS UNIDOS: compañeiros e compañeiras de Left Voice / VENEZUELA: Liga de Traballadores polo Socialismo (LTS) / URUGUAI: Corrente de Traballadores Socialistas (CTS) / Organizacións simpatizantes: ITALIA: Frazione Internazionalista Rivoluzionaria (FIR) / PERÚ: Corrente Socialista das e os Traballadores (CST) / COSTA RICA: Organización Socialista Revolucionaria (OSR).






Temas relacionados

Vacunas contra la Covid-19   /   Anticapitalismo   /   #Covid19    /   Covid-19   /   Pandemia   /   Coronavirus   /   Antiimperialismo   /   Imperialismo   /   Internacional

Comentarios

DEJAR COMENTARIO