Mundo Obrero Estado Español

MUNDO OBREIRO, GALIZA

Os traballadores do metal loitan en Vigo por un convenio xusto e contra a burocracia sindical

Preto de mil persoas manifestáronse o 3 Xuño en Vigo en defensa dun convenio xusto para os traballadores do metal, despois da firma dun preacordo por parte de CC.OO e UXT coa patronal que produciu a desconvocatoria dunha greve xa anunciada para o mes de Maio.

Viernes 4 de junio | 17:57

A manifestación transcorreu desde a Praza de España por Gran Vía e Urzaiz ata a sede da Xunta de Galicia en Vigo, no porto. En todo momento o espírito foi combativo; acendéronse bengalas e fíxose ver clara a vontade dos traballadores do sector de seguir loitando despois da traizón da burocracia sindical dos sindicatos maioritarios. Berráronse consignas como “ Vulcano non véndese, Barreiras solución”, “ Unha soa clase, unha soa loita” ou “Paz social, traizón sindical”, así como consignas de apoio aos traballadores do Corte Inglés, que están a sufrir un ERE, cando a manifestación pasaba polo Corte Inglés de Gran Vía.

A manifestación recibiu o apoio directo de sindicatos minoritarios como CXT e CUT, asociacións como MODEPEM, así como sindicalistas combativos do estaleiro Navantia de Ferrol. Así como dos traballadores de Airbus Puerto Real na baía de Cádiz, en loita contra o peche da fábrica, que mandaron un vídeo de apoio aos traballadores de Vigo.

As mobilizacións comezaran o 1º de Maio, onde unha concentración da Plataforma de Traballadores/ as do Metal plantouse diante das manifestación dos sindicatos de CC. OO e UXT, así como da CIG, para denunciar a firma do preacordo por parte dos primeiros, así como a falta de compromiso dabondo por parte da CIG, que ao considerar que a folga “perdería forza” tamén desconvocou a folga que se anunciou para presionar por un mellor Convenio do Metal de Pontevedra.

Grazas á presión desta plataforma, fundada por obreiros auto-organizados afiliados a distintos sindicatos (entre os que se atopan algúns delegados) ou non afiliados, a CIG viuse obrigada a convocar unha greve de 4 horas o 12 de Maio. Nesa ocasión a CIG convocou en solitario, non chegando ás 500 persoas, sobre todo do aparello sindical, mentres que a Plataforma de Traballadores/ as do Metal tivo un peso similar, mais principalmente de traballadores do sector. En todo momento nótase que esta unión de traballadores fai unha crítica permanente á burocracia sindical e loita pola unidade da clase obreira, incluso procurando alianzas con outros sectores obreiros en loita, como os xubilados.

O acordo asinado por CC. OO e UXT implicaría a eliminación do plus de eventualidade, que supón máis de 90 euros ao mes, e que se conquistou cunha dura loita, que tivo entre outras accións un peche de 10 días no edificio da Xunta de Vigo. Ademais, isto deu pé a xogadas sucias da patronal que 5 días antes de asinarse o convenio xa estaban a mudar os contratos por obra que incluían plus de eventualidade por outros que non o inclúen, para non ter que pagar a eventualidade á finalización do contrato.

Isto dáse nun contexto de redución da carga de traballo, ata o punto que hai empresas preto da quebra como Barreiras, Vulcano ou Metalships, ao que se une a represión sindical e a explotación laboral nas fábricas, unha forte precariedade sufrida durante a última década, cunha gran cantidade de traballadores en paro e con poucas expectativas de poder volver. Nos últimos 10 anos destruíronse ao redor de 2500 empregos, a metade dos que había no sector. Todo isto coa complicidade do goberno galego e do Estado español.

Con todo, as perspectivas deste traballadores auto-organizados superan ás da burocracia sindical e os principais grupos da esquerda con representación parlamentaria. Entenden que este debe de ser un exemplo que debe de estenderse a escala estatal e a longo prazo construír un “colectivo que defenda, coa dignidade que se merece, á nosa clase”. Queren loitar para poder entrar na mesa negociadora do convenio, ou polo menos poder dobregar ás burocracias sindicais para que escoiten a voz dos traballadores, todo baseado nunha unión forte da clase obreira.
Os traballadores do metal demostraron historicamente e estano demostrando agora, ser a vangarda do movemento obreiro en Vigo e en toda Galicia. Agora mesmo tamén están a amosar como é posíbel a auto-organización dos traballadores por fóra da burocracia sindical.

Por iso, a CIG debe dar pasos cara a unha posición máis combativa e decidir de parte de que bando está. Debe de abandonar o seu sectarismo e corporativismo sindical, e facer dunha vez o que defende, xa que se considera a si mesma parte do sindicalismo combativo. Se a CIG quere recuperar a confianza dos traballadores do metal, e axudar coa enorme forza que ten para acadar unha vitoria neste conflito, debe de convocar unha greve xeral na comarca de Vigo, como fixo na comarca de Ferrol, para salvar o metal e loitar contra os despedimentos e a falta de dereitos de todos os traballadores. A unidade das filas da clase traballadora é o único camiño.






Temas relacionados

Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia

Comentarios

DEJAR COMENTARIO