×
logo red internacional
Facebook Instagram Twitter Telegram YouTube

Os traballadores do transporte urbano en greve por 4 días en Vigo

O Comité de empresa convocou greve para os días 3, 6, 7 e 8 de Agosto, contra xornadas esgotadoras de traballo e os incumprimentos do convenio por parte da empresa Vitrasa. O 3 de Agosto impuxéronse un 50 % de servizos mínimos, mais o paro tivo un apoio masivo no persoal.

Xacobe Costa

Martes 3 de agosto de 2021
Facebook Twitter

A xornada de folga do 3 de Agosto comezou cun piquete de 80 traballadores que se concentraron na sede da empresa de autobuses urbanos Vitrasa (Vigo de Transportes) ás 5:30 da mañá, e mantivéronse alí ata as 20:00. Dos 94 autobuses que saen a diario na cidade só realizaron o seu percorrido 52. O comité de empresa, presidido pola CIG (Confederación Intersindical Galega), con 4 delegados, con 5 delegados de CCOO, 2 de UXT e 2 de USO, vai denunciar que a empresa incumpriu os servizos mínimos do 50 %, xa que só terían que ter saído 47 autobuses o día do paro.

Vitrasa emprega ao redor de 350 traballadores, dos cales uns 300 son traballadores fixos, e o resto eventuais. O 100 % dos condutores que tiñan dereito a greve secundaron a mesma. Só 101 foron a traballar dun total de 200. Isto provocou un impacto considerábel no transporte na cidade.

En taller, só dúas persoas puideron realizar greve porque se impuxeron servizos mínimos de 17 persoas dun total de 32, e outra parte importante do servizo está de vacacións ou de baixa. Os traballadores de taller piden unha suba do complemento de nocturnidade e un plus de dispoñibilidade, xa que están permanentemente localizados pola empresa para cubrir calquera eventualidade. En oficina, onde hai ao redor de 20 traballadores, o seguimento foi menor.

Os traballadores demandan que rematen as xornadas esgotadoras de 10 horas, e o incumprimento da empresa dos tempos de descanso. Os sindicatos consideran que ten que ser de 45 minutos cada 6 horas e a empresa de media hora, mais isto tampouco se cumpre na maioría dos casos. O contrato é de 40 horas semanais mais con xornadas irregulares.

Tamén denuncian dous atrasos nos pagos das nóminas de ao redor dunha semana, coincidindo coas negociacións que mantiña a empresa co Concello de Vigo para pedir máis subvencións deste último. Usando así aos traballadores como chantaxe para aumentar os seus beneficios. De feito, actualmente Vitrasa gasta ao redor de 13 millóns de euros en persoal ao ano, unha cantidade moi similar a máis dos 12 millóns que o goberno local abónalle.

Outra das demandas é rematar coa eventualidade dos máis de 50 traballadores que están nesa situación. Traballadores que son contratados por 6 meses, despedidos e substituídos despois. Estes traballadores son máis vulnerables aos abusos, nas horas de traballo por día e os tempos de descanso e teñen menos dereitos que o resto do persoal. Ademais, a empresa négase a subir a suba salarial con respecto ao IPC para este convenio, que está caducado dende o 1 de Xaneiro de 2021. En decembro do 2020 os sindicatos ameazaron cunha greve que desconvocaron pouco despois diante das promesas da empresa de cumprir parte das súas demandas, cousa que non aconteceu.

Un síntoma da situación á que se enfrontan cada día os traballadores do transporte urbano en Vigo é que houbo o dobre de baixas laborais por estrés neste ano, que nun ano “normal”. Algo que se agrava pola situación de pandemia, onde foron primeira liña, e os autobuses urbanos seguían ateigados de xente, incumprindo as medidas de distancia social para controlar a enfermidade.

Por outra banda, o Comité de empresa pediu unha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero, que lle deu ningunha resposta. Eludindo así as súas responsabilidades de presionar á empresa para que

cumpra cos pregos do contrato de concesión do transporte público na cidade. Con todo, parece moito máis ocupado en anunciar aos catro ventos o inicio da instalación das custosas luces de Nadal, en pleno Agosto.

O venres 6 de Agosto de 11 a 12 da mañá realizarase unha concentración na Praza do Concello de Vigo, ademais do piquete na sede da empresa desde as 5 da mañá. Os traballadores están pendentes de que a empresa sente a negociar o mércores 5 de Agosto pola mañá para decidir futuras accións. Damos todo o noso apoio a esta loita obreira por xustas demandas e chamamos á solidariedade dos usuarios e outros sectores de traballadores para que acompañen as mobilizacións.

Así mesmo, consideramos que a efectividade desta greve sería maior se houbera coordinación das mobilizacións e os paros con outros sectores en loita, como o dos traballadores do metal. Pensamos que é responsabilidade dos principais sindicatos tentar que isto suceda para ter máis forza á hora de conquistar dereitos para a clase traballadora.

Por outra banda, consideramos indignante que unha empresa concesionaria que foi favorecida polas autoridades desde a súa fundación en 1968, siga incumprindo os contratos co goberno local, e explotando aos seus traballadores que seguen tendo condicións de precariedade e falta de dereitos laborais. Denunciamos a conivencia das autoridades públicas, e consideramos que a empresa debería de deixar de recibir subvencións e o obxectivo debería de ser a remunicipalización baixo control obreiro.

Só desta forma poderanse cumprir cunhas condicións de traballo dignas e dar un mellor servizo ampliando frotas e persoal. E así acabar coas aglomeracións, os atrasos, e a profunda tensión ao que se enfrontan os traballadores. Ademais, un mellor transporte público en Vigo axudaría a reducir os niveis de polución atmosférica, a conxestión do tráfico, e en definitiva a mellorar a calidade de vida de todo o pobo traballador


Facebook Twitter
CGT convoca huelga de informáticos contra la perdida de salario firmada por CCOO y UGT

CGT convoca huelga de informáticos contra la perdida de salario firmada por CCOO y UGT

Trabajadorxs del sector audiovisual se movilizan en contra del aumento de la jornada laboral

Trabajadorxs del sector audiovisual se movilizan en contra del aumento de la jornada laboral

Frente Obrero: amigo de picoletos y enemigo de trabajadores

Frente Obrero: amigo de picoletos y enemigo de trabajadores

Ejemplo de lucha: victoria de las trabajadoras de residencias en Bizkaia

Ejemplo de lucha: victoria de las trabajadoras de residencias en Bizkaia

Joaquín Gil: "Reconocer enfermedades laborales a un volumen alto de trabajadores es un problema económico para los beneficios de TMB"

Joaquín Gil: "Reconocer enfermedades laborales a un volumen alto de trabajadores es un problema económico para los beneficios de TMB"

Comienza el paro indefinido de transportistas para no trabajar con pérdidas, ¡que la crisis la paguen los capitalistas!

Comienza el paro indefinido de transportistas para no trabajar con pérdidas, ¡que la crisis la paguen los capitalistas!

Se recrudece el conflicto del bus urbano en Zaragoza ¡Todo el apoyo a la plantilla en lucha!

Se recrudece el conflicto del bus urbano en Zaragoza ¡Todo el apoyo a la plantilla en lucha!

Gran movilización de la plantilla del bus urbano de Zaragoza en lucha

Gran movilización de la plantilla del bus urbano de Zaragoza en lucha