Mundo Obrero Estado Español

GALIZA MUNDO OBREIRO

Os traballadores rebeláronse contra o abuso patronal de Vitrasa e a inacción do Concello de Vigo

A segunda, terceira e cuarta xornada da greve na empresa de transporte urbano Vitrasa tamén tiveron un seguimento masivo. Os traballadores realizaron diversas concentracións para esixir as súas demandas. A empresa e o Concello de Vigo non manifestaron vontade para negociar.

Domingo 8 de agosto | 13:28

Os traballadores de Vitrasa en loita mostraron a súa firme determinación de defender os seus dereitos con 4 xornadas de folga, o 3, 6 7 e 8 de Agosto. O seguimento da folga foi do 100 % todos estes días. O xoves 5 de Agosto Vitrasa reuniuse co comité de empresa para “negociar”, pero non ofreceu ningunha mellora e os traballadores decidiron continuar coa greve. Realizaron piquetes á porta da sede da empresa todos os días de 5 da mañá a 8 da tarde, impedindo que a empresa sacase máis autobuses do 50 % dos servizos mínimos pactados.

O venres 6 de Agosto, segunda xornada da greve, ao redor de 80 traballadores concentráronse diante das portas do Concello Vigo de 11 a 12 da mañá, para esixir que o alcalde Abel Caballero se reunise con eles, e accedese a presionar á empresa concesionaria para que cumpra cos seus compromisos. No seu lugar, o alcalde realizou unha rolda de prensa para criticar á Xunta e defender que “Vigo ten a mellor política social de Galicia”.

Algo completamente falso, cando hai xente durmindo na rúa, e problemas sociais graves, e o Concello de Vigo destina cantidades millonarias para a iluminación de Nadal (cuxa instalación empezou o mércores 5 de Agosto) e en obras públicas faraónicas, moitas veces de dubidosa utilidade.

Con todo, négase a reunirse con traballadores dunha empresa concesionaria á que o concello destina anualmente máis de 12 millóns de euros en subvencións, o que supón a gran maioría do custo en persoal da empresa.

O sábado 7 e domingo 8 os traballadores, ademais de realizar o piquete diario, concentráronse ás portas do Festival do Marisquiño, no Porto de Vigo, para esixir as súas demandas. O Domingo 8 unha delegación de traballadores de Urbanos de Ourense, a empresa concesionaria de transporte público nesa cidade, tamén do grupo Avanza, achegouse a apoiar aos traballadores de Vigo.

Os traballadores realizaron todas estas accións nos últimos días para esixir unha serie de reivindicacións, entre as que destacan acabar coas xornadas esgotadoras de traballo de ata 10 horas, rematar coa eventualidade de ao redor de 60 condutores ou ter os descansos oportunos, entre outras. Neste artigo, explicamos máis en detalle as súas demandas.

Pensamos que é indignante que servizos públicos como este estean en mans privadas, sendo un verdadeiro monopolio con financiamento público. Este tipo de xestión o único que fixo ao longo dos anos é deteriorar a calidade do servizo e empeorar as condicións laborais dos traballadores, aumentando a súa precariedade e explotación. Ademais de financiar unha cada vez maior casta de directivos e cargos medios con altos salarios; un verdadeiro lastre para a empresa que soportan os traballadores e os usuarios do transporte público.

Por iso consideramos que a verdadeira solución para ter unhas condicións dignas para os traballadores e un servizo público de calidade, é a municipalización baixo control obreiro da empresa. Así nos aforrariamos os 12 millóns de euros anuais que saen dos nosos impostos, abarataríase o custo do boleto ao non ter que manter o beneficio empresarial, e para fomentar un maior uso do transporte público. Reinvestiríanse os beneficios en máis contratación, máis vehículos, un mellor servizo, no canto de encher as mans a un puñado de directivos que non asumen ningún risco cunha concesión que levan tendo durante 40 anos.

Como loitamos para vencer?

Polo momento nin a empresa Vitrasa nin o Concello de Vigo realizaron ningún movemento crible para tentar unha negociación cos traballadores en loita. O único que propuxo a empresa é sentarse a negociar en setembro. En experiencias pasadas Vitrasa incumpriu claramente o asinado no último Convenio Colectivo, e o Concello sempre cedeu á chantaxe para abonar unha maior cantidade de cartos cada ano.

Significa isto que a loita non serve? Nada máis lonxe da realidade. O simple feito que os traballadores tomasen a determinación de loitar polos seus dereitos e rebelarse contra os abusos da patronal, contra o estrés e a ansiedade que lles provoca o seu traballo, e pelexando por un servizo público de transporte urbano de calidade, xa é algo moi positivo en si mesmo. Con todo, consideramos que se pode facer máis para ter máis posibilidades de conseguir vitorias.

Nas últimas semanas e meses houbo multitude de greves e loitas obreiras en Galiza, entre as que destacan os traballadores do metal en Vigo, os de Aluibérica na Coruña, ou a heroica loita dos traballadores de Alcoa de San Cibrao que foron capaces, loitando contra e vento marea de seguir conservando os seus postos de traballo, á agarda de duras e complicadas negociacións con varias empresas privadas e institucións públicas.

Dende o noso punto de vista, é responsabilidade das cúpulas dos principais sindicatos o de tentar unificar o máis posible as loitas obreiras de distintos sectores nunha mesma cidade para realizar maiores mobilizacións e ter unha maior repercusión e impacto. Ademais, os traballadores do transporte de distintas cidades deben tender á coordinación para poder realizar folgas que prexudiquen máis os beneficios empresariais. Unha maior unión cos traballadores de Urbanos de Ourense en futuras mobilizacións sería un gran avance neste sentido.

Esta forma de pensar a loita obreira non vén da nosa imaxinación. Hai exemplos recentes de como unha greve do transporte pode poñer contra as cordas á patronal e ata ao propio Estado, facéndolle retroceder en medidas anti-obreiras. Isto é así porque se trata dun servizo esencial que é imprescindible para que se realicen outras actividades económicas.

Exemplos como o caso dos traballadores do transporte en Francia a finais do 2019 e principios do 2020 que realizaron unha folga indefinida a nivel nacional, e durou 2 meses, contra a reforma jubilatoria do goberno de Macron, que lles afectaba especialmente. Neste artigo explicabamos os distintos desafíos aos que se enfrontaban os e traballadores nesta longa folga.

Os traballadores franceses coordináronse a un nivel non visto en décadas e usaron multitude de métodos distintos para obter as súas demandas. E conseguiron parar a reforma xubilatoria do goberno. Ademais, en xeral, dispoñen dunhas mellores condicións laborais porque teñen unha tradición de loita de tender a unificar sectores e ter unha maior forza á hora de negociar. Está claro que a magnitude dos ataques e as demandas non foi a mesma que na situación actual en Vigo, mais aínda así pensamos que pode ser útil ter esta lóxica a unha escala menor para obter demandas menores.

Con esta estratexia de unión e con métodos máis combativos é como pensamos que se pode gañar á patronal e as administracións públicas cómplices. Tamén coa unión coa mocidade estudantil, cando comece o curso, gran usuaria do transporte urbano e con moito interese en que mellore o seu servizo. Xa que ten moito menos que perder que un traballador que perde o seu soldo e asume risco ao realizar unha folga. Unindo o apoio da mocidade nas mobilizacións e a capacidade de parar a actividade económica que teñen os traballadores, estamos en mellores condicións para loitar para conquistar dereitos, coa perspectiva de desprivatizar todos os servizos públicos, como o transporte, a enerxía, a sanidade ou a educación.






Temas relacionados

Galiza   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia   /   Transporte

Comentarios

DEJAR COMENTARIO