Mundo Obrero Estado Español

MUNDO OBREIRO GALIZA

Primeira vitoria dos traballadores de Alcoa: ERE nulo por “mala fe”

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou nulo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) a máis de 500 traballadores da fábrica de San Cibrao por parte de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa. Unha vitoria xudicial que non se entende sen a heroica loita dos traballadores durante meses.

Jacobo A. García

@Jacobscarface

Viernes 18 de diciembre de 2020 | 18:04

Foto: Twitter Teleperformance A Coruña

A sentenza xudicial

A iso das dúas e media da tarde do xoves 17 de Decembro de 2020 transcendeu publicamente a sentenza xudicial, que foi celebrada polos traballadores, 524 dos cales estaban a ser afectados polo ERE. Previamente Alcoa xa perdera outra batalla xudicial, pois o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa estimara en parte as medidas cautelares solicitadas polas centrais sindicais (CCOO, CIG e UXT) polo que se lle impedía parar as cubas de electrólise ata que houbese sentenza sobre o despedimento colectivo.

O tribunal aprecia “mala fe” nas negociacións por parte da compañía, xa que a súa posición sobre os despedimentos e compensacións “non variou nada de nada” con respecto á proposta inicial. Así, conclúe que a intención de Alcoa era “paralizar as cubas electrolíticas da fábrica para o seu posterior peche” e entenden que coa oferta de ERTE que realizou ao comité de empresa pretendía “vestir o mesmo, mais dun xeito diferente”, xa que “non privaría á empresa da posibilidade de extinguir os contratos de traballo”.

Os xuíces tamén consideran “sumamente significativo” o número de traballadores afectados polos despedimentos, cuxo porcentaxe é o máximo preciso para que legalmente a empresa non teña que devolver as axudas públicas. A Sala conclúe na sentenza, que “o fin único e primordial que guiaba á empresa era apagar as cubas e pechar a fábrica do xeito máis rendíbel”.

O tribunal asegura que “todas as supostas concesións” realizadas por Alcoa durante a negociación foron “coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento" que lle impediría levar a cabo a "decisión estratéxica" de paralización das cubas e o peche da fábrica. Apunta que a Xunta lle advertiu ata en dez ocasións sobre a necesidade de prolongar o período de consultas, algo que a compañía realizou “sempre no último intre e con resistencias”.

“A pobreza das negociacións é tal que se limitou practicamente a dúas cuestións acerca das posibilidades reais da venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e reapertura das cubas de electrólise”, afirma a Sala.

A importancia da loita obreira e o futuro da fábrica

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, celebrou que se fixo " xustiza" e anunciou que irán celebralo á fábrica. Despois das dúas vistas celebradas no TSXG, a primeira para avaliar as medidas cautelares solicitadas pola parte social e a segunda pola demanda do proceso de despedimento colectivo, os traballadores estaban agardando esta decisión.

Está claro que esta decisión non se tivera tomado se non fose pola enorme presión que exerceron os traballadores dende que o 28 de maio a empresa anunciase a súa decisión de realizar o ERTE. Grandes manifestacións e concentracións ás portas da fábrica, en toda a comarca da Mariña Lucense, así como en Santiago de Compostela fronte a sedes de institucións públicas para exercer presión ao goberno autonómico e central. Cortes de estrada, barricadas, a folga indefinida dende Outubro e a ocupación de facto da fábrica que impide a saída de produtos da fábrica e ocasionou perdas multimillonarias (ao redor dun millón de euros por semana) á multinacional estadounidense. Así como as innumerables reunións coa Consellería de Industria e o Ministerio de Industria. Todo isto xurdiu efecto á hora de condicionar a sentenza.

Aínda así, tal e como afirma o comité de empresa, gañouse unha batalla pero non a guerra. Alcoa pode volver á carga con novos procesos de reestruturación, ou finalmente acceder á venda da fábrica ao principal comprador interesado, Liberty House, o cal supón novas (e vellas) incertezas para os traballadores. Ademais, o mantemento dos postos de traballo pode estar suxeito a novas axudas públicas, que supoñen un custo para toda a clase traballadora.

Neste sentido, é destacable que o 15 de decembro o goberno central aprobou o “Estatuto de Consumidores Electrointensivos”. Este real decreto pretende xerar un marco estable ao importe da enerxía para a industria altamente dependente da electricidade, como é o caso do Alcoa. O estatuto beneficiará a 612 empresas de alto consumo eléctrico de máis de 60 actividades industriais e uns 300.000 traballadores. A principal condición para que estas empresas reciban estas axudas será manter a actividade produtiva durante un período de polo menos tres anos.

A isto únenselle as axudas compensatorias por custos de emisión indirectas de CO2 ou o Fondo de reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas. Segundo Maroto isto, corrixirá a "desvantaxe competitiva" que orixina ás industrias que operan en España "non contar aínda cun marco desta natureza” como si teñen noutros países. Outras obrigacións ás empresas inclúen cuestións de eficiencia enerxética, I+D+i e substitución de fontes contaminantes para poder optar aos mecanismos destinados á redución dos custos enerxéticos. Este estatuto permitirá ás empresas unha redución do prezo da electricidade, que pagará o Estado, de ata o 85 % dos custos do seu consumo eléctrico, o que supoñerá en total máis de 260 millóns de euros de gasto público.

Asistimos a un novo roubo a toda a clase traballadora. Independentemente de cal sexa o futuro concreto da fábrica de Alcoa, e mesmo se se manteñen todos os postos de traballo, co actual propietario ou cunha nova compañía. Unha e outra vez os gobernos, tanto español, como outros gobernos europeos, ceden á chantaxe das grandes empresas, destinando sumas multimillonarias para aumentar máis se cabe os beneficios dos grandes capitalistas.

No caso de Alcoa isto é aínda máis indignante, xa que a empresa foi privatizada a un prezo moi baixo hai décadas e recibiu milleiros de millóns en axudas públicas durante estes anos. Por outra banda, cabe destacar que se o prezo da electricidade é moi alto, a principal causa é a existencia dun oligopolio no Estado español, froito da privatización de empresas públicas. E que mentres se subsidia o custo da electricidade para grandes empresas contaminantes como as electro-intensivas, non se fai nada para loitar contra a pobreza enerxética que afecta a millóns en todo o Estado.

Por iso, para nós a solución non pasa por novas axudas e subsidios. Por contra, precisamos a nacionalización baixo control obreiro das fábricas de aluminio de San Cibrao, así como a da Coruña (que está a ser desmantelada aos poucos polo “Grupo Riesgo”), para conservar todos os postos de traballo e investir en “aluminio verde”, producindo este material con enerxía renovable e mellorando a eficiencia das máquinas. Ademais, pensamos que é preciso nacionalizar todo o sector da enerxía no Estado español, para poder baixar os prezos, rematar coa pobreza enerxética, e obter os ingresos que o Estado precisa para realizar novos investimentos industriais e sociais.






Temas relacionados

Alcoa   /   Mundo Obrero Estado Español   /   Galicia

Comentarios

DEJAR COMENTARIO