Política Estado Español

ELECCIONES 28-A

Tres candidaturas da “esquerda” en Galiza, mais algunha alternativa para a clase traballadora?

As tensións internas dentro de En Marea estalaron. Esquerda Unida e Podemos fundan En Común-Unidas Podemos, mentres que Anova decide non presentarse ante a falta “unidade popular”. En Marea mantén a súa candidatura para as xerais. O BNG pola súa banda, preséntase en solitario.

Jacobo A. García

Vigo | @Jacobscarface

Domingo 21 de abril | 16:01

Antecedentes

A coalición En Marea formouse en novembro do 2015 para presentarse ás eleccións xerais do 20 de decembro, por Anova, Podemos, Esquerda Unida, Equo Galicia e Espazo Ecosocialista Galego, xunto con diferentes alianzas e agrupacións cidadás de “gobernos do cambio” nas principais cidades galegas; Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común. Presentouse ás eleccións autonómicas en 2016, onde conseguiu catorce escanos e ser líder da oposición.

Dende a súa formación foron comúns as loitas internas polo dominio deste espazo. O xuíz Luís Villares, conservou o liderado do partido ata agora cun último proceso de primarias que estivo infestado de irregularidades. A primeira votación do 1 de decembro do 2018 anulouse polo sector oficial, alegando unha incursión no censo por parte dos críticos. A votación definitiva celebrouse o 24 de decembro, sendo gañador Luís Villares cun 60 %.

Con todo, os críticos, que propuxeran a David Bruzos, realizaron varias demandas xudiciais e a apertura dunha investigación sobre as votacións a través dunha auditoría externa, acusando á dirección de fraude. Bruzos acudira ás urnas co respaldo dos grupos maioritarios da confluencia: Podemos, Esquerda Unida, Anova e os alcaldes das mareas cidadás. Os sectores aliñados ao redor de Bruzos afirmaron que non houbo interventores que supervisasen o reconto e que o sistema informático tiña erros que permitían a manipulación.

Por outra banda, o “éxito electoral” de En Marea é relativo se o analizamos con xustiza. Nas primeiras eleccións xerais de 2015, logrou 408.370 votos, un 25,04 % do voto galego. Nas de 2016, 344.143 votos, un 22,18 %. Nas eleccións autonómicas de setembro do 2016, 271.029 votos, un 19,06 %. Unha perda de case 140 mil votos, unha terceira parte do resultado inicial, en menos dun ano.

As enquisas actuais, despois da ruptura, danlle ao redor dun 5% dos votos e a posibilidade de quedar fóra do Congreso. Conseguindo nas anteriores eleccións xerais 5 escanos dos 23 que se elixen para Galiza. Anos de falsas promesas, incumprimento do programa electoral nas cidades onde gobernan, electoralismo e moi escasa implicación na loita social e de clases, pasáronlle factura a esta nova esquerda de hexemonía moi débil.

Unha ruptura sen fondas diferenzas políticas

A crise de En Marea seguiu a afondarse despois das primarias. Un dos puntos decisivos foi a aprobación dos orzamentos xerais do Estado, propostos polo PSOE. En Marea chegou a prometer que non os aprobaría se non supoñían unha suba do gasto para Galiza, cousa que non aconteceu, dándose no seu lugar unha redución do 20%, dos 900 millóns de euros de 2018 aos 750 de 2019.

Só unha deputada, Alexandra Fernández, secundou o mandato da dirección da formación de rexeitar as contas presentadas polo Goberno de Pedro Sánchez. Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello apoiaron a directriz do grupo confederal de Unidos Podemos-En Comú-En Marea e votaron a favor.

En marzo a ruptura xa era unha realidade. Podemos Galicia e Esquerda Unida impulsaron a marca En Común-Unidas Podemos, na que se negou a participar Anova, que non se presentará ás eleccións nesta ocasión pola falta de “unidade popular”. Con todo, Anova Ourense desobedece á súa dirección e si que apoiará a En Marea nas eleccións xerais, nun contexto de acusacións mutuas de manipulación e falta de democracia interna. Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz e *Ángela Rodríguez ’ Pam’, ocupan os postos de saída nas provincias da Coruña e Pontevedra. Esta candidatura sitúase no 11 % nas enquisas.

Do “bando” de Villares só están tres deputados no parlamento galego, Pancho Casal, Paula Vázquez Verao e David Rodríguez, e unha en Madrid: Alexandra Fernández. Non está claro o apoio dos alcaldes dos “gobernos do cambio” nun contexto confuso, no que a ruptura pode continuar nas eleccións municipais. O que é evidente é que haberá unha considerable sangría de votos, beneficiando por dereita ao PSOE, que supera ao PP nalgunhas enquisas, e por “esquerda” ao BNG, que se vende como a alternativa que defende os intereses de Galicia, non dependente dos “sucursalismos de Madrid”.

Pero que diferenzas políticas crearon esta ruptura? Un factor crave resultou ser a posición en relación aos orzamentos xerais do Estado. Con todo, ambos os sectores están insertos nunha lóxica xeral de apoio a un goberno do PSOE, a pata esquerda do Réxime do 78.

A lóxica do “mal menor” contra a dereita e a extrema dereita. A mesma lóxica que deixa sen resolver o problema da vivenda, o paro, a precariedade laboral, a desigualdade salarial de xénero, a pobreza enerxética, así como as demandas democráticas como o dereito de autodeterminación ou a liberdade de expresión. Unha lóxica que ambas as candidaturas comparten co antigo BNG, pero que reeditaron dunha forma senil, desprezando e subestimando a forza da mobilización social, nun electoralismo e oportunismo desbocado.

Pero, é o BNG unha alternativa?

O BNG, que viña dunha profunda crise desde o 2012, coa ruptura do sector de Xosé Manuel Beiras que fundou Anova, pode verse reforzado nesta elección, conservando ou mesmo aumentando lixeiramente a súa porcentaxe de voto en torno ao 5 %. A base do seu programa céntrase no desenvolvemento dos sectores produtivos galegos (gandeiro, pesqueiro, industrial…), mediante a negociación co goberno central.

Nos últimos anos isto traduciuse na proposta do traspaso das autoestradas á competencia autonómica (co apoio ata do PP) ou a esixencia dunha tarifa eléctrica reducida en Galicia, que, entre outras cousas, agasallaría a electricidade a empresas electrointensivas como Alcoa ou outras, moi presentes en Galiza.

Pero con todo, o BNG segue a ter unha importante relación orgánica coa clase obreira galega, mediante o maior sindicato exclusivamente galego, a CIG, con ao redor de 80.000 afiliados, o 10% da poboación traballadora galega, mantendo unha imaxe de maior combatividade que sindicatos abertamente vendidos á patronal como CCOO e UXT.

Pero as accións da CIG adoitan ser illadas e corporativistas, e o súa maior “aposta” foi a convocatoria dunha falsa “folga xeral”, desconvocada no último intre. Ademais, o BNG si que realizou unha experiencia de goberno na comunidade no bipartito do 2005 ao 2009.

Unha época da que só podemos lembrar nimias reformas cosméticas, acusacións de corrupción en relación ás concesións dos parques eólicos, e en definitiva, mediocridade política. As condicións económicas dos traballadores e do conxunto dos sectores oprimidos por aquel entón non se viron melloradas, tendo en conta mesmo que a crise económica non estalara na súa máxima gravidade.

Por todo isto consideramos que en Galicia non existe unha verdadeira alternativa dos traballadores e traballadoras para estas eleccións xerais. Que expoña un programa anticapitalista, a favor das grandes maiorías, baseado na mobilización social e política e a loita de clases, que poida satisfacer todas as demandas.

É precisa unha alternativa de esquerda revolucionaria e anticapitalista, que entre as medidas do seu programa estea a nacionalización dos sectores estratéxicos (banca, transporte, enerxía, industria pesada) baixo control obreiro, para manter todos os postos de traballo, a redución da xornada laboral a 6 horas, para que traballemos todos, o aumento do salario mínimo a 1500 euros, a expropiación dos pisos baleiros á banca para solucionar o problema da vivenda, etc.
Así como demandas democráticas esenciais como o fin da Monarquía, reclamo que máis de 8000 estudantes galegos manifestaron nos referendos das universidades, a abolición da Lei Mordaza, das reaccionarias leis de estranxeiría, ou a defensa sen restricións do dereito de autodeterminación das nacións do Estado español.
É por iso que loitamos pola apertura de procesos constituíntes libres e soberanos, e pola imposición, mediante a mobilización social, do programa preciso para rescatar ao pobo traballador da crise. Porque debemos ser conscientes da nosa capacidade para organizarnos, loitar e vencer.

Podemos superar esta democracia para ricos onde só se vota cada catro anos e conquistar unha na que poidamos decidir sobre todas as cuestións que nos afectan. Por iso cremos na perspectiva dun goberno dos traballadores nunha federación de repúblicas socialistas ibéricas.






Temas relacionados

freestayle   /   Quilicura   /   Galiza   /   Política Estado Español   /   Elecciones Estado Español   /   Elecciones

Comentarios

DEJAR COMENTARIO